Un concelleiro do BNG en Cambados califica de "chochito de oro" á vicepresidenta do Goberno
Por Redacción
"Chochito de ouro" (Sainz de Santamaría) gástase 40.000 euros en xinecólogo. Así arremete o concelleiro nacionalista de Cambados, Xaquín Charlín González, contra a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, no seu blog persoal. Á marxe do erro no apelido escribindo Sainz en lugar de Sáenz, o edil do BNG comeza o seu escrito acusando a ministra da Presidencia de ter comido en Cambados a conta dos cidadáns: "Nas pasadas eleccións autonomicas "Chochito de oro" como xa se coñece a nivel nacional estivo en Cambados xantando unha boa mariscada nun famoso restaurante da nosa vila en compañía do noso Alcalde Luis Aragunde, do noso Delegado da Xunta Cores Touris, da deputada Rousa Oubiña e de dous concelleiros mais do PP, todo de gratis e a conta de todos os cambadeses".
Xaquín Charlín relata, a continuación, cun ton crítico os gastos que realiza Soraya Sáenz de Santamaría a través do seu departamento e xustifica a causa pola que utiliza o alcume de "chochito de ouro": "E existe outro curioso sobre "recoñecementos ginecológicos", que gañou MD Anderson Internacional (40.000 euros), dispendio algo menor que o apartado de prensa (163.000) ou plantas de interior e xardíns (175.000). De verdade España está crebada? Estarano os seus cidadáns, porque os seus impostos xa llos gasta Soraya en manter o seu estatus de alta política sen sombra de austeridad algunha".
Despois de ir analizando os distintos gastos do departamento da vicepresidenta do Goberno, o concelleiro do BNG conclúe: "Os caprichos de Soraya e os seus departamentos que lle competen son máis importantes que os 6,2 millóns de parados. Si o noso diñeiro, en lugar de empregarse nesas superficialidades, déseselle a cada familia española desempleada, resistiriamos mellor a crise. E si non dan crédito ao que escribo, poden contrastar e alucinar con todos os contratos pinchando aquí. O mais carallo é que "Chochito de Oro", manda os demais mortais que se apreten o cinturón".
Segundo publica La Voz de Galicia, o voceiro do BNG en Cambados, Víctor Caamaño, considera que o publicado por Xaquín Charlín se trata dunha "opinión persoal".
Tras a polémica, o concelleiro retirou o alcume do seu blog persoal. O Partido Popular pediu a dimisión do concelleiro e o voceiro do partido no Parlamento, Francisco Jorquera sostén que "o BNG critica rotundamente ese comentario, que entendemos que é total e absolutamente machista, e insta esta persoa a que rectifique e pida desculpas de inmediato".
Anta Pontón, a deputada do BNG, indicou que Charlín "debería demitir" tras amosar a súa reprobación na rede social Twitter:
reprobación e desacordo absoluto cos comentarios sexistasdun concelleiro do bng, nin compartimos nin amparamos
Ana Pontón (@anaponton) 11 de junio de 2013
Desde a conta oficial do BNG anunciaban a retirada da referencia no blog e amosaba o rexeitamento:
Charlín González retirou a descualificación da vicepresidenta do seu blogue persoal. @obloque reproba o seu comentario sexista.
BNG (@obloque) 11 de junio de 2013