Os ecoloxistas de Anduxía fan propostas aos políticos locais
Por Oskar Viéitez
A Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía enviou aos grupos politicos que se presentan ás próximas eleccións municipais un documento con propostas de melloras medioambientais para a vila.
Segundo explicou o presidente desta asociación, Suso Framil, "consideramos que este documento pode ser útil para os grupos políticos".
Entre outras propostas, Anduxía pide que se acometa a segunda fase de rexeneración da praia de Pescadoira, a redacción de estudos de intervención sobre o dique do porto de Beluso para recuperar a praia ou a desafección das zonas de praia urbana adscritas a Portos de Galicia como é a totalidade da praia de Pescadoira e parte das da Banda do Río e Beluso.
Tamén propoñen a ampliación da zona peonil no inicio do porto de Bueu e instalación dunha marquesiña na parada de autobús, e a ampliación da beirarrúa entre a praza de abastos e o monumento as Mariñas, ademáis da creación dun espazo de integración porto-cidade no porto de Beluso.
Anduxía tamén sinala que a segunda parte do paseo que discorre entre a Robaleira pequena e Bueu, sobre os penedos, "tería un impacto ambiental moi grande" e por iso, propoñen que continúe ao carón da estrada ata a súa conexión coa estrada C-550 que sube cara Beluso.
Outras ideas que suxiren aos partidos políticos son continuar coa tramitación do paseo Agrelo Portomaior, instalar aparcadoiros para bicis, instalar iluminación na rotonda de saída ao parque industrial dende o corredor do Morrazo ou dotar dunha varanda de protección para os peóns, entre a beirarrúa e a estrada C551, na "Volta do Pino".
Tamén fan propostas para mellorar a depuradora de augas residuais, a separación de pluviales e fecales na rede de saneamento, aumentar o número de composteiros comunitarios e individuais e ampliar o horario de apertura do punto limpio.
Finalmente recollen a idea de musealización do estaleiro de Purro, a creación dunha aula arqueolóxica de Pescadoira, a plantación de árbores autóctonas na zona das Lagoas ou a prohibición da caza en Cabo Udra.
Relacionadas:
-
Anduxía pide a desafección completa da praia da Banda do Río e que volva ao dominio público marítimo terrestre
Por Redacción |
-
Eliminan un punto de vertedura de augas residuais no Porto de Beluso
Por Redacción |
-
Bueu vaise mollar para reivindicar a rexeneración da praia de Pescadoira
Por Redacción |