Marín quere que a do Santo sexa unha praia sen tabaco
Por Redacción
O Concello de Marín solicitou a adhesión á rede galega de praias sen fume, e como novidade este ano ademais de pedir a inclusión da praia de Portocelo como en anos anteriores, tamén se incluíu a praia do Santo.
O goberno local de Marín considera que a creación dos espazos sen fume ao aire libre "fainos avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, converténdose esta contorna en educativa e preventiva".
Ademáis, tamén ten o obxectivo de reforzar o "papel modélico positivo de adultos" fronte á infancia e á mocidade. "Todos debemos contribuir á labor de desnormalización do consumo de tabaco, co noso posicionamiento e as nosas actitudes fronte ao tabaco", sinalan dende o Concello.
As cabichas que usuarios tiran nos areais lideran a clasificación de residuos no mundo, situándose por diante dos envases de alimentos, botellas e bolsas plásticas. Estímase que unha cabicha pode tardar en descompoñerse entre 8 e 12 anos, coa particularidade de que no filtro acumúlanse sustancias nocivas que, unha vez entran en contacto coa auga, supoñen unha ameaza para a biodiversidade.