Ponte Caldelas pide axuda á Xunta para humanizar a avenida de Vigo e o seu entorno
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local del Concello de Ponte Caldelas, que preside o alcalde, Perfecto Rodríguez, decidiu tramitar a petición de subvención para o proxecto de humanización da Avenida de Vigo e o seu ámbito que conta cun presuposto de execución de 93.704,78 euros e co que se pretende mellorar o aspecto urbano e dinamizar o comercio local existente na zona.
A intención do alcalde, Perfecto Rodríguez, é supeditar este investimento á concesión da subvención do 75% que a Consellería de Economía e Industria podería achegar en virtude dunha serie de axudas, que acaba de publicar a Xunta no DOG, tendentes a revitalizar o comercio de proximidade, a través de Fondos Feder, da Unión Europea.
Xa en previsión de poder acollerse a esta liña de subvencións, o alcalde Perfecto Rodríguez anunciou no último Pleno que a modificación puntual de partidas para obras, que se aprobou coa abstención da oposición, sería para destinar, entre outras cuestións, a dotar de contido económico as obrigas que asumiría en Concello en actuacións como as que agora se formulan. De concederse a subvención, a achega municipal a esta obra sería de 23.400 euros.
O proxecto que están a elaborar os técnicos municipais vai encamiñado á humanización da Avenida de Vigo coa mellora na accesibilidade e a seguridade vial, coa construción de pasos de peóns elevados, melloras nas beirarrúas existentes, dotación de mobiliario urbano e novos farois similares ás instaladas no resto da zona urbana; incorporando o ámbito do parque infantil ao proceso de modernización levado a cabo nesta rúa e noutras zonas comerciais da vila de ponte Caldelas. Así se actuaría tamén nas beirarrúas da rúa Rosalía de Castro e dunha parte de Concepción Arenal.