O Gafos xa ten novas pontellas e pasarelas en Tomeza e no Mar da Presa
Por Redacción
Dúas pontellas no tramo de Tomeza e unha terceira no Mar da Presa, onde tamén se colocou unha nova pasarela. Todo, cun investimento de 6.000 euros. Son as primeiras actuacións de mellora que o Concello fai no paseo dos Gafos, tanto no seu tramo urbano como rural.
Os traballos de colocación destas estruturas, todas elas de madeira, está practicamente rematada, segundo informa o goberno municipal. Son elementos que tiveron que substituírse porque estaban deteriorados polo paso do tempo.
A incorporación dunha nova parcela no tramo urbano do Gafos con fachada a María Victoria Moreno tamén vai sobre os prazos previstos, aínda que esta semana a empresa non puido traballar polo mal tempo.
A parcela ten unha superficie de 380 metros cadrados e foi rozada hai unhas semanas para retirar toda a maleza e tamén as árbores que se atopaban en mal estado ou eran perigosas.
Nestes días retirouse o peche de bloques que tapiaba a súa vista cara María Victoria Moreno e fixeron labores de silvicultura.
A proposta de mellora paisaxística desta parcela, na que se investirán 47.000 euros, é a creación de dous noiros para salvar a altura ao respecto da rúa, e plantar freixos, sabugueiros, arbustivas e plantas con flor. Nos laterais colocarase hedra para tapizar. No centro da parcela, instalarase unha gran escaleira central con pranchas de granito e bancos.
A terceira das intervencións de mellora é a substitución das escaleiras de Ponte Boleira, ao carón da ponte da avenida de Vigo. Este luns comezarase coa retirada deste elemento. O orzamento da nova peza é de 17.000 euros.
Relacionadas:
-
Un roteiro saudable de 11 kilómetros, primeira actividade dende que o Gafos foi declarado ENIL
Por Olaya Madrigal |
-
O río Gafos obtén a súa declaración como espazo natural de interese local
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra abre unha nova 'porta' ao Gafos desde María Victoria Moreno
Por Alejandro Espiño |