Ábrese o prazo para a solicitude de permisos para as fogueiras de San Xoán
Por Redacción
Ata o próximo 19 de xuño ás 13.00 horas. ÿ o prazo que se marcou para que os interesados en celebrar unha fogueira de San Xoán poidan solicitar o permiso correspondente. A solicitude, que deberá presentarse no rexistro xeral do Concello de Pontevedra, implica a aceptación das instrucións ditadas para garantiren a protección e seguridade no municipio, en conciliación co lecer cidadán.
Un ano máis o Concello lembra aos veciños en xeral, as normas de mantemento das condicións de seguridade para a queima das fogueiras de San Xoán. Na solicitude haberá que facer constar os datos persoais dos organizadores dos actos, acreditar o coñecemento dos números de teléfono dos servizos de emerxencias ou o compromiso de dispor no acto dun teléfono móbil en pleno funcionamento.
No relativo ás condicións das fogueiras, terán que distar un mínimo de 15 metros de edificios e árbores, o diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros, e nun área de diámetro similar ao pao central da fogueira non poderán concentrarse os asistentes á festa.
Os materiais a empregar na combustión serán leña, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Prohíbense os pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con P.V.C. en xeral, e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e calquera substancia explosiva. Lembran desde o Concello que un bote de aerosol, aínda vacío, pode orixinar unha explosión importante.
Ademais, prohíbense as fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como realizalas sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral; e os seus organizadores terán que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes dos corpos da Policía Local ou Bombeiros.