Marín solicita á Deputación que financie a renovación dos servizos na rúa do Tombo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín solicitou á Deputación de Pontevedra que financie a renovación dos servizos na rúa do Tombo. O deputado provincial de Cooperación, Carlos López Font, informou que a proposta irá na orde do día da Xunta de Goberno convocada para este venres, e que está prevista a aprobación deste novo investimento para Marín con cargo á liña 1 do Plan Concellos de 2019.
En concreto, serán 172.248,57 euros. No ano 2019 a institución provincial pon a disposición de Marín ao través do Plan Concellos un total de 1.071.393,22 euros, un 3,35% máis que no 2018.
Máis polo miúdo, a actuación contempla a renovación das redes de saneamento de augas residuais e pluviais, da rede de abastecemento e da rede da iluminación desta rúa, que vai desde a rúa Concepción Arenal ata a avenida de Ourense.
Ademais, a obra tamén inclúe a mellora do pavimento, creando unha nova beirarrúa na marxe esquerda no sentido da marcha e asfaltando o firme da calzada. En total, a superficie de actuación será de 547,33 metros cadrados.