A xuízo por ameazar o fiscal xefe de Pontevedra
Por Redacción
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra xulgará este xoves 30 de maio a un dos dous condenados por deter ilegalmente, roubar e asasinar os curmáns Ricardo e José Ángel Feijoo nun muíño abandonado de Cambados en 2005 por unha débeda relacionada co narcotráfico. Patrice Louise Marie Pierre Muñoz sentarase neste caso no banco dos acusados por supostamente ameazar o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro.
O acusado supostamente enviou un escrito ao fiscal xefe dende prisión no que o ameazaba e pedía que lle pagase 6.000 euros e intercedese por el para conseguir permisos penitenciarios. O delito que se lle imputa é do de ameazas condicionais.
Patrice Louise Marie Pierre Muñoz é un sicario de orixe francesa e foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra no ano 2009 nunha sentenza logo ratificada polo Tribunal Supremo que lle impón 37 anos e tres meses de prisión por dous delitos de detención ilegal, dous de asasinato, roubo con violencia e danos.
A mesma sentenza condena tamén a outro sicario de orixe vasca, José Manuel González Lacunza, polos mesmos delitos, se ben no seu caso a pena ascende a 49 anos de cárcere. O sicario francés viuse beneficiado dunha redución da condena ao aplicárselle a circunstancia atenuante moi cualificada de colaboración coa Xustiza. Confesou todo o sucedido e achegou datos á investigación.