Un sicario francés confesa que ameazou por carta o fiscal xefe de Pontevedra porque "no hizo su trabajo"
Por Natalia Puga
O sicario de orixe francesa Patrice Louise Marie Pierre Muñoz recoñeceu este xoves ante o Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra que en maio de 2012 enviou unha carta ameazante ao fiscal xefe da provincia, Juan Carlos Aladro na que lle instaba a aboarlle 6.000 euros na súa conta de pecunio do cárcere de Alxeciras e a non obstaculizar a consecución de beneficios penitenciarios e o intimidaba con expresións como "sabemos como neutralizar a gente como usted, señor fiscal".
O acusado declarou por videoconferencia nun xuízo no que a Fiscalía pide que sexa condenado a dous anos de prisión por ameazas e recoñeceu o contido íntegro da carta de cinco folios que enviou a Juan Carlos Aladro. Tan só insistiu en realizar unha achega ao contido da misiva. Quixo alegar o motivo de ter enviado esta e aproveitou a súa alegación final ao termo do xuízo para explicar que a escribiu porque "el fiscal no hizo su trabajo. Si hiciese su trabajo yo no debía ser condenado a 40 años".
A preguntas do xuíz Juan José Trashorras declarouse "non culpable", pois aínda que recoñeceu que "sí la envié" (a carta) engadiu que "hay que comprender los motivos por los que la envié". A continuación respondeu ás preguntas formuladas pola fiscal do caso, Encarnación Bullón. Nas respostas longas houbo dificultades para entendelo polo marcado acento francés no que se expresaba, pero foi moi claro cando dixo "sí, señora" á fiscal a todo o contido da carta.
Tras recoñecer como súa a letra da carta na que se sustenta a acusación, afirmou ante a sala que si a escribiu e que son obra súas expresións como "esto lo puede interpretar como un desafío porque es un desafío" ou "soy francés y cuando tengo razón voy al fin del mundo".
A secretaria do Penal 1 de Pontevedra leu no xuízo o contido íntegro da carta, na que o sicario acusa o fiscal xefe de que "es un corrupto" pola forma na que levou a acusación do xuízo no que foi condenado o agora acusado. Acúsalle de ter recibido beneficios económicos de dúas fontes distintas (o outro condenado e a familia dunha das vítimas) e indica que co envío da citada carta aspira a"destapar una completa madeja de corrupción" a nivel xudicial, policial e política que implicaría, segundo sostén, "a altos cargos políticos del Partido Popular".
Patrice Louise Marie Pierre Muñoz foi condenado en xuño de 2009 pola Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra nunha sentenza logo ratificada polo Tribunal Supremo polo coñecido como crime do muíño de Cambados por rematar coa vida dos primos Ricardo e José Ángel Feijoo no ano 2005 xunto a un segundo acusado, o vasco José Manuel González Lacunza. Impúxoselle unha pena total de 40 anos de prisión por dous delitos de asasinato, dous delitos de detención ilegal e un delito de roubo con violencia.
A súa presunta vítima exerceu a acusación contra el nun xuízo no que rematou condenado a 40 anos de cárcere por asasinato, detención ilegal e roubo
Tras o seu ingreso en prisión por esta condena, o 21 de maio de 2012 o fiscal xefe recibiu ao seu nome unha carta nas dependencias da Fiscalía de Pontevedra remitida polo acusado dende o centro penitenciario de Algeciras-Cádiz, na que nun total de 5 folios, faltándolle ao respecto no que se refire ao desempeño do seu cargo, lle advirte da súa errónea actuación naquel xuízo e de que acudiu ao Tribunal de Dereitos Humanos.
A fiscal do caso sostén que con esta carta o procesado actuou "con el propósito de perturbar de forma grave su ánimo y sentimiento de seguridad" e que "llega a amenazarlo de muerte en caso de cualquier cambio negativo sobre mi situación, según se recoge en la misiva". Encarnación Bullón alegou no xuízo deste xoves na Parda que ao recibir esta misiva o fiscal xefe "se sintió intimidado", de aí que solicite a condena do sicario francés.
Ademais, para soster a súa acusación recorda que o procesado recoñeceu estas ameazas tanto no xuízo coma durante toda a fase de instrución do caso. Pola súa banda, o seu avogado defensor pediu a libre absolución ao entender que o seu cliente "ha canalizado de forma inadecuada una denuncia que quiere hacer" e que a súa carta non é ameazante porque non é "ni creíble ni posible" que poida cumprir o que di nela e "no priva de su tranquilidad" o seu destinatario, Juan Carlos Aladro.
A presunta vítima de todo este caso, o fiscal xefe, non declarou no xuízo, que quedou visto para sentenza.