Ponte Caldelas xa ten a chave da capela do balneario co obxectivo de recuperala
Por Redacción
A capela de San Roque, máis coñecida como a capela do balneario, xa está en mans do Concello de Ponte Caldelas.
O alcalde Andrés Díaz recibía a chave deste templo tras adquirir á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (SAREB) a leira do balneario, na que se atopa este inmoble, por unha cantidade de máis de 230.000 euros. Trátase dun edificio con máis dun século de historia e que se atopaba en situación de abandono.
O balneario pechábase en 2009. Nas instalacións traballaban sete persoas, realizando os labores correspondentes coa actividade hostaleira.
Con esta adquisición, o goberno local quere sacar adiante a licitación e a concesión de obra para que se explote, de novo, o balneario, un espazo que foi creado en 1907 polo pontevedrés Benito Corbal Estévez, que chegou a ser administrador e propietario destas instalacións.
A capela acollía unha misa cada 16 de agosto con motivo da festividade de San Roque e foi escenario de numerosas vodas durante anos. Actualmente, segundo o goberno de Andrés Díaz, o templo atópase en pésimo estado de conservación, sofre filtracións na cuberta que provoca humidades. Tamén conta con cristais rotos e árbores esborralladas sobre a estrutura. No interior pódese apreciar un retablo no que se atopa a figura de San Roque xunto a outras imaxes.
O goberno local, polo momento, decidiu reforzar o peche da porta de acceso para evitar actos vandálicos.
Relacionadas:
-
Uns vándalos pintan de negro as caras das imaxes da Capela do Balneario
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz pide por terceira vez un encontro con Núñez Feijóo para desbloquear proxectos urbanísticos
Por Redacción |
-
O expediente para a concesión da construción e explotación do balneario xa está a exposición pública
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas expón a documentación do futuro balneario
Por Redacción |
-
A futura estación termal de Ponte Caldelas terá tres piscinas, dúas delas ao aire libre
Por Redacción |