Denuncian a actividade dun "grafiteiro covarde" en Vilaboa
Por Redacción
A comunidade de montes de San Martiño vén de denunciar ante a Garda Civil a actividade do que deron en chamar un "grafiteiro covarde" que, amparado na noite e no anonimato, está a facer pintadas pola parroquia contra a directiva da asociación.
Os comuneiros aseguran aceptar todas as críticas á súa xestión, pero lamentan que as pintadas se estean a facer en bens patrimoniais de propiedade pública, xa que "o dano non llo están a facer á comunidade de montes, senón a todos os veciños".
Entenden que se o autor ou autora das pintadas quere trasladar algún problema "ten moitas maneiras de facelo", recordando que todos os martes a directiva reúnese no local de montes e "sempre estamos dispostos a recibir ou falar con calquera veciño ou comuneiro".
De aí que reiteren que estas pintadas nocturnas "e ás agachadas" están feitas dun xeito "moi covarde" e están a estragar propiedades que son de toda a parroquia.