A Xunta aprobará en novembro as expropiacións para reformar a PO-234 en Laxoso
Por Redacción
O goberno galego aprobará o próximo mes de novembro o decreto de expropiacións para reformar a estrada PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso para, a continuación, licitar as obras, cun investimento duns 650.000 euros.
Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, con representantes da plataforma da estrada PO-234, da asociación de veciños e da comunidade de montes de Laxoso.
A conselleira destacou que a vontade do seu departamento é executar o acondicionamento completo desta estrada autonómica que conecta Ponte Caldelas e Augasantas, polo que o vindeiro ano se redactará o proxecto da terceira fase, é dicir, do tramo Laxoso- Portasouto.
A Xunta, recordou Ethel Vázquez, co obxectivo de avanzar no proxecto, dividiuno en tres fases, iniciando os traballos no tramo situado en Cerdedo-Cotobade, entre Augasantas e Portasouto, que xa está a disposición dos veciños.
As obras comezaron nesta parte da vía ao dispor o Concello de Cerdedo- Cotobade dos terreos necesarios para a execución das mesmas. Non obstante, no tramo de Ponte Caldelas foi preciso un trámite expropiatorio, que se iniciou coa información pública do proxecto.
A plataforma da PO-234, pola súa banda, celebrou este compromiso do goberno galego e agarda que, desta volta, se cumpra coa obra o antes posible.
Con todo, expresaron a súa estrañeza polo feito de que a Xunta, finalmente, si acceda a asumir as expropiacións necesarias para executar a reforma; e advirten que continuarán en activo ata que as obras se rematen.
Relacionadas:
-
A Xunta inicia as expropiacións para a mellora da PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pide á Xunta incluír unha senda peonil e ciclista na PO-234
Por Redacción |
-
A Xunta avanzará na licitación da reforma da PO-234 antes de que remate o ano
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A plataforma da PO-234 reactívase "diante dos incumprimentos da Xunta"
Por Oskar Viéitez |