Cruz Vermella entregará 67.000 quilos de alimentos entre máis de 3.000 pontevedreses
Por Redacción
Cruz Vermella Española en Pontevedra distribuirá 67.871 quilos de alimentos entre 3.027 persoas vulnerables da súa área de influencia. Para facelo, traballará con 23 entidades sociais diferentes.
Esta repartición de alimentos farase dentro da segunda fase do Programa 2018 de Axuda Alimentaria, cofinanciado nun 85% polo Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD) e nun 15% polo orzamento nacional.
Os alimentos son de carácter básico, pouco perecedoiros, de fácil transporte e almacenamento. A cesta de alimentos inclúe arroz branco, fabas cocidas, leite UHT, atún en conserva, pasta alimenticia, tomate frito, galletas, xudías verdes en conserva, froita en conserva en caldo de azucre lixeiro, cacao soluble, tarritos infantís de froita e de pito, cereais infantís, leite de continuación en po, aceite de oliva.
Desde Cruz Vermella explican que se trata de alimentos especialmente nutritivos, que van contribuír a satisfacer as necesidades de persoas adultas e, de maneira especial, dos menores. Esta cesta foi elaborada coa colaboración da Federación de Bancos de Alimentos, Cruz Vermella e de expertos en nutrición dos Ministerios.
A distribución dos alimentos lévana a cabo Cruz Vermella Española e a Federación Española de Bancos de Alimentos, un 50% cada entidade.
Os centros de ambas as entidades faranos chegar ás persoas máis desfavorecidas, de maneira que estas poidan preparar facilmente unha comida completa para unha persoa ou para unha familia con varios membros, incluídos bebés. O obxectivo é loitar contra a pobreza e conseguir unha inclusión plena das familias e individuos en situación de precariedade e desarraigamento.