A Policía Local de Poio investiga un veciño por falsificar os datos dunha autocaravana
Por Redacción
A Policía Local de Poio especializada en falsificación de elementos de seguridade de vehículos identificaba nas últimas horas unha autocaravana que circulaba polo municipio co bastidor falsificado.
Os axentes detectaron esta situación durante a campaña de control de autocaravanas que se está levando a cabo no municipio. Ao examinar a documentación comprobaron que algúns dos datos que figuraban non coincidían coas dimensións, altura e extensión da autocaravana.
Os axentes realizaron unha inspección do vehículo ao observar estas irregularidades comprobando que carecía de elementos de seguridade e que os díxitos do bastidor atopábanse presuntamente alterados. Ante esta situación, procederon a depositar o vehículo en dependencias municipais para acometer unha segunda inspección ocular e comprobar os datos técnicos.
A través desta segunda inspección, a Policía Local confirmou que o bastidor fora cambiado por outro que procedía dunha autocaravana queimada totalmente nun incendio que se rexistraba en xaneiro de 2015 na rúa Rosalía de Castro de Pontevedra, tal e como confirmaba a documentación do servizo de Bombeiros de Pontevedra, que interviñeran na extinción do incendio.
Por este motivo, os axentes abrían unha investigación ao veciño de Poio, propietario da autocaravana, como presunto autor dun delito de falsificación. Este propietario non puido acreditar a procedencia do vehículo intervido.
As dilixencias trasladáronse ao xulgado de garda para comezar coa instrución do caso e o vehículo paso a disposición xudicial. A investigación mantense aberta para tentar detectar a outras persoas que foran colaboradoras necesarias nesta falsificación.
Relacionadas:
-
Un espectacular incendio calcina tres vehículos na rúa Rosalía de Castro
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada