Manuel Charlín ataca un equipo de televisión en Vilanova: "Te jodo el pescuezo"
Por Natalia Puga
Un equipo de televisón de El Programa de Ana Rosa de Telecinco tivo unha desagradable experiencia este martes ás porta da casa do histórico narcotraficante Manuel Charlín, patriarca do coñecido como clan dos Charlíns, en Vilanova de Arousa. Esperábano para facerlle unhas preguntas cando os atacou cun legón, chegando a agredir á xornalista e ameazando aos dous integrantes do equipo.
Un cámara e unha reporteira do programa de Telecinco estaban na rúa cando el chegou, sacou un legón do maleteiro do coche e encarouse con eles. Á moza, a reporteira galega Susana López Raña, golpeouna nunha man, tal e como ela mesma lle recrimina xusto despois.
A gravación da cámara que tiña o equipo recolle eses minutos iniciais con claridade, pero logo pasa e enfocar o chan e o interior dun coche. En todo caso, si recolle o audio durante todo o tempo que duro o incidente, ao redor dun minuto e medio, e escóitase como os xornalistas lle piden que se tranquilice, pero el reacciona con violencia e malas formas.
"Me cago en la madre que os parió. ¿No puedo vivir en paz o qué?", "que te jodo el pescuezo" ou varios "estoy hasta los cojones de vosotros" ou "estoy hasta los huevos de vosotros" saen da boca do histórico capo arousán da droga, de 85 anos.
Charlín repróchalles a súa presenza ás portas do seu chalé botándolle en cara ao cámara e a reporteira "vete a trabajar, joder, y no me jodas el sentido" e non entra en razón a pesar de que eles lle explican que están a lle esperar porque xusto este martes no seu programa emítese unha entrevista concedida por el a unha compañeira.
Tras o incidente, regresou ao seu coche, volveu meter o legón no maleteiro e abandonou o lugar mentres o equipo de Telecinco pregúntalle se lle "parece normal" a súa reacción cando o único que queren é falar con el. "¿No puede hablar como una persona normal?", conclúe a xornalista.
Manuel Charlín, condenado a 24 anos en prisión por un alixo de 600 quilos de cocaína, volveu ser detido este verán e hai poucos días denunciou ante o xulgado os axentes que realizaron o arresto no seu chalé de Vilanova polo trato recibido e os danos causados na vivenda. Na actualidade está en liberdade provisional por esa causa que segue o Xulgado de Instrución número 4 de Vigo na que foron detidas 28 persoas e abordado en alga mar un barco con 2.700 quilos de cocaína.
Relacionadas:
-
Falece na súa casa aos 89 anos Manuel Charlín, patriarca do clan arousán
Por Redacción |
-
Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres de toda sospeita polo alixo do Titán Terceiro
Por Redacción |
-
O ocaso dos vellos narcos: caen Sito Miñanco, Manuel Charlín e Tania Varela
Por Natalia Puga |
-
Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres, pero coa obriga de ir ao xulgado cada 15 días
Por Natalia Puga |
-
Elevan a 26 os detidos na rede de narcos na que caeron Charlín e o seu fillo Melchor
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Detidos Manuel Charlín e o seu fillo Melchor nun macro operativo antidroga
Por Natalia Puga | Creada e actualizada