Impulsan un curso universitario de astronomía en Cotobade
Por Redacción
O Observatorio Astronómico de Cotobade podería acoller no mes de xullo un dos cursos de verán da UNED, como froito da colaboración entre a Deputación Provincial, o Concello de Cotobade, a UNED e a entidade xestora deste observatorio, a Asociación Astronómica Sirio.
A súa celebración só está pendente de obter a correspondente convalidación pola comisión da UNED en Madrid, como analizar a situación actual deste observatorio e as posibilidades que ofrece tanto para contribuír á difusión da astronomía como elemento dinamizador do concello no que se asenta.
O asunto abordouse nunha xuntanza celebrada no Pazo Provincial entre a deputada Ana Isabel Vázquez; o presidente de Sirio, Ángel Valverde Pampillón; a directora da UNED de Pontevedra, Beatriz Rodríguez Quintela; e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela.
Ana Isabel Vázquez amosou o interese da Deputación provincial en potenciar estas instalacións e considerou que a organización dun curso de verán non só poñerá en valor este centro, senón que permitirá achegar a universidade a un concello rural moi próximo a Pontevedra, potenciando a relación da universidade coa sociedade.
O curso, o primeiro sobre astronomía da UNED de Pontevedra, celebrarase as fins de semana do mes de xullo nas instalacións do propio observatorio e no edificio multiusos do concello e será impartido por profesores da UNED e por expertos da Asociación Astronómica Sirio.
Na xuntanza planteouse a necesidade de mellorar o acceso a este observatorio, que na actualidade se fai por unha pista de terra que se atopa en malas condicións, e analizouse o papel que o Observatorio Astronómico está chamado a desenvolver como referente no concello de Cotobade, atraendo visitantes e contribuíndo á dinamización do municipio.
Neste sentido, o Concello de Cotobade, segundo salientou na xuntanza o propio rexedor local, procederá a dotar o centro dunha sinalización axeitada, instalando indicadores en diversos puntos.