Un narco xulgado por blanqueo xustifica os seus ingresos no furtivismo
Por Oskar Viéitez
Nécoras, camaróns, pero sobre todo vieiras, nutrían o patrimonio dun narco arousano, segundo xustificou ante a Sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. Gañaba uns 2.500 euros cada mes coma furtivo, explicou.
Raúl Francisco Bóveda, veciño de Ribadumia, de 38 anos, sentouse no banquiño acusado dun delito de blanqueo de capitais procedentes do narcotráfico.
Unha acusación que tratou de rebatir argumentando que traballaba "de día no bar do seu primo e de noite, ía ás vieiras".
A súa parella, Ángeles Lorenzo, que durante unha tempada foi a dona do bar "Cortiso" no que traballou o acusado, dixo que entre o bar e o seu traballo como mariñeiro, gañaban entre os dous uns 6.500 euros ao mes. Con todo nin el nin ela recordan en que gastaban o diñeiro "aforrabamos e gastabamos pero non o recordo", dixo ela.
O informe da Axencia de Vixiancia Aduaneira sinala que durante case unha década Raúl Francisco Bóveda nin estaba contratado como camareiro, nin por suposto, era legal o diñeiro do furtivismo, tamén estiven no paro e traballando o tempo, engadiu o acusado.
A súa nai completou as explicacións apuntando que o diñeiro sempre o tiveron na casa, nada de bancos. Ademais, precisou que foron os pais os que abonaron o pago da entrada da súa casa que mercou en Ribadumia.
traballaba "de día no bar do seu primo e de noite, ía ás vieiras".
Raúl Francisco, mostrouse contrariado pola insistencia do fiscal no seu interrogatorio por saber a orixe dos movementos económicos, reprochándolle que no ano 2007 non puido facer movemento bancario algún porque estaba na prisión de Teixeiro.
A Audiencia provincial de Pontevedra xa condenou noutra ocasión ao acusado á pena de 3 anos de prisión como autor dun delito contra a saúde pública. Ademais Raúl Francisco ten outras dúas causas pendentes por senllas operacións de tráfico de drogas en Boiro e en Noia, que se atopan en fase de instrución.
O fiscal entende que estes feitos son constitutivos dun delito continuado de blanqueo de capitais derivados do tráfico de drogas, polo que solicita que se lle impoña unha pena de cinco anos de prisión cunha multa de 125.000 euros, con responsabilidade persoal subsidiaria en caso de impago dun ano de prisión.
Finalmente, pide o comiso definitivo e adjudicación ao Estado, a través do Fondo procedente dos bens decomisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados, dos 42.230,80 euros blanqueados.
A defensa solicitou a libre absolución do acusado por falta de probas e alegou a vulneración de dereitos fundamentais do seu defendido.