O Concello réndese co quiosco de Barcelos
Por Alejandro Espiño
O quiosco situado no centro da praza de Barcelos seguirá pechado. Polo menos, polo momento. O Concello, tras quedar deserto un novo proceso de licitación, non volverá sacalo a concurso ao non existir, aparentemente, persoas interesadas na súa explotación.
O mesmo ocorreu, unha vez máis, co quiosco da praia fluvial do Lérez. Pero neste caso, o goberno municipal si fará un novo intento. Os técnicos traballan xa nunha modificación dos pregos do concurso para facelo máis atractivo aos licitadores.
Así, segundo explicaron fontes municipais, entre as novidades que se incluirán na licitación está a posibilidade de que o quiosco poida instalar unha terraza con mesas e cadeiras para atender aos clientes ou, mesmo, que se habilite unha zona para ofrecer comida preparada a modo dos populares foodtrucks.
Para ambos os quioscos o Concello ofrecía unha concesión a cinco anos, con posibilidade de prórrogas anuais ata un máximo de dez anos máis.
A taxa que deberían pagar anualmente os adxudicatarios estaba cifrada en 1.100 euros ao ano máis IVE para o da praia fluvial e en 2.400 euros máis IVE para o de Barcelos.