O control nas illas Cíes dispara o número de visitas en Ons
Por Redacción
As visitas á illa de Ons disparáronse este verán. Un total de 97.362 persoas pasaron por ela durante os meses de xuño, xullo e agosto. Trátase dun 13,55% máis que o ano anterior, segundo os datos que fixo públicos a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Ana María Díaz.
Este notable aumento débese, sen dúbida, ao maior control que as autoridades exerceron na xoia do Parque Nacional das Illas Atlánticas, as illas Cíes por onde pasaron ao longo do verán 205.168 persoas, un 2,53% menos que en 2017.
As cifras preliminares de asistencia ao parque, que se pechará nas próximas semanas cos datos de afluencia de setembro, desvelan que 325.417 visitantes pasaron por algunha das súas illas. Ademais de Ons, tamén creceron as visitas en Sálvora e Cortegada.
No conxunto das catro illas, agosto foi o mes no que se rexistrou un maior número de visitantes; mentres que nos meses de xuño e xullo mesmo estivo por baixo das cifras rexistradas o ano anterior ou con incrementos leves.
Segundo este balance, a Ons chegaron en xuño 9.601 persoas, mentres que 31.920 fixérono en xullo e o seu máximo alcanzouse en agosto con 55.841 visitantes.
A directora xeral de Patrimonio Natural avanzou que a finais de setembro celebrarase unha reunión do padroado do parque para presentar o texto final do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional.
Este plan, entre outras cuestións, establece unha cota de visitas ás illas que integran o parque. No caso de Ons, sinalou Ana María Díaz, estará fixado nun máximo de 1.800 persoas a día.
Relacionadas:
-
Bueu reclama que o cupo de visitantes a Ons non se aplique a residentes e as súas familias
Por Redacción |
-
Próxima convocatoria das primeiras axudas á rehabilitación na ARI insular do Parque Nacional Illas Atlánticas
Por Oskar Viéitez |
-
En Marea denuncia a masificación de Ons
Por Redacción |
-
Bueu promove unha nova ruta de sendeirismo circular na illa de Ons
Por Redacción |
-
Bueu convoca a veciñanza da illa de Ons para falar do plan reitor do Parque Nacional
Por Redacción & Oskar Viéitez |