Esquerda Unida pide máis apoio ao colectivo LGTB para evitar "discriminacións e agresións"
Por Redacción
"Pontevedra é unha cidade moi complicada para calquer tipo de posicionamento público, así que imaxina se estamos falando de cuestións tan sensibles como esta", explica a coordinadora comarcal de Esquerda Unida en Pontevedra, Vanessa Angustia. Por iso é polo que con motivo, este 17 de maio, do Día Internacional contra a LGTBfobia, presente unha moción no Concello de Pontevedra para que aumente o apoio institucional a este colectivo.
ÿ un día, segundo Esquerda Unida, "de loita contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero", necesario, sinala este partido, porque malia que España "foi pioneira" en recoñecer os dereitos civís de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, estes "seguen sendo vítimas de discriminación e agresións" en espazos tan diversos como o ámbito laboral e educativo, e obxecto de "mofa e desvalorización social".
E Pontevedra, din, non é unha excepción. "Sabemos que hai xente interesada en montar unha asociación para defender os dereitos LGTB, pero non é doado e precisan de moito apoio", explica Vanessa Angustia. Por iso solicitan ao Concello de Pontevedra que colaboren cos diferentes colectivos que teñan interese en formarse no concello "co fin de abordar a necesaria educación e sensibilización social para o recoñecemento da igualdade social e real e o respecto aos dereitos de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais".
Ademais, buscan que o goberno municipal contribúa, nas competencias que lle son propias, "ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de homofobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social ou político".
Neste sentido, Esquerda Unida insta ao Concello de Pontevedra a solicitar ao Goberno "que abandone a súa política inxusta e antisocial de recortes e axustes, con especiais consecuencias para o colectivo LGTB" e pedir específicamente que reforce o seu compromiso na loita contra a SIDA, garantindo a viabilidade económica do Plan Nacional sobre esta enfermidade, así como a inclusión do proceso integral de atención a persoas transexuais no catálogo de prestaciones da Seguridade Social.