Alsa promete a Amizade establecer autobuses adaptados con ruta a Oviedo para persoas con mobilidade reducida
Por Anxo Lourido
Integrantes da asociación Amizade mostraron o venres 31 a súa solidariedade con Cristian, un mozo que se despraza en cadeira de rodas. Quería viaxar ata Oviedo pero quedaba en terra debido a que a empresa Alsa incumpriu co establecido na súa web e non lle ofreceu opcións de transporte para persoas con mobilidade reducida.
Ante esta situación, durante máis de media hora, un grupo de familiares de Cristian e de socios de Amizade situábanse tras o autobús impedindo a saída.
Esta protesta xa deu os seus froitos. A empresa Alsa comunicou aos responsables da asociación o seu compromiso de conseguir que a ruta en autobús entre Pontevedra e Oviedo estea adaptada para persoas con discapacidade nun prazo de dúas semanas.
Os responsables de Amizade afirman que estarán pendentes do cumprimento desta empresa de autobuses. O presidente Paulo Fontán sinala que, en todo caso, a ruta só contará con vehículo adaptado nuns horarios concretos. Desta forma sinalan que segue existindo discriminación cara ás persoas con mobilidade reducida.
Desde este colectivo fan un chamamento ás diferentes administracións públicas para que se garanta a igualdade de oportunidades de todas as persoas e cúmprase coa lexislación en materia de accesibilidade.
Relacionadas:
-
Mulleres con discapacidade reclaman que se adapte o servizo de xinecoloxía do Complexo Hospitalario
Por Anxo Lourido |
-
As oficinas de Consumo abrirán en decembro na sede da Xunta en Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Reteñen media hora un autobús de Alsa por imposibilitar a viaxe dun mozo que emprega cadeira de rodas
Por Anxo Lourido |