VÍDEO.- Reteñen media hora un autobús de Alsa por imposibilitar a viaxe dun mozo que emprega cadeira de rodas
Por Anxo Lourido
Cristian Sequeira é un mozo de Marín que se despraza en cadeira de rodas debido á súa mobilidade reducida. Este venres, ás 16.00 horas tiña previsto subir a un autobús na estación de Pontevedra para trasladarse ata Oviedo. A súa intención era viaxar coa empresa de transporte Alsa.
A firma de autobuses publicita na súa web que dispón dun servizo de accesibilidade para persoas con discapacidade a través dos servizos Supra e Premium. A única condición que establece é que hai que alertar á empresa con 48 horas de antelación. Cristian, acompañado pola súa nai Cristina Souto, comprou o seu billete Supra e avisou á empresa catro días antes do viaxe pero, cando chegaron este venres á estación, comprobaron que o condutor se negaba a trasladalo porque o autobús carecía de rampla e non estaba adaptado para persoas con mobilidade reducida.
Cristina Souto sinala que levaba xa dúas semanas tentando, de maneira infrutuosa, que lle ofreceran unha solución por parte desta empresa para que o seu fillo puidese realizar a viaxe. Presentou reclamacións na oficina de Alsa en Pontevedra e na Oficina de Consumo, a través do Concello de Marín, sen recibir resposta polo momento. Vendo que a empresa evitaba as súas demandas, nos últimos días trasladou a súa frustración á Asociación de Persoas con discapacidade (Amizade) de Pontevedra, que preside Paulo Fontán. Desde este colectivo decidiron adoptar unha medida de presión.
Deste xeito, varios integrantes da asociación e familiares de Cristian situáronse detrás do autobús, unha vez que subiran os pasaxeiros, impedindo que puidese manobrar e poñer rumbo a Oviedo. Así se mantiveron durante máis de media hora ante a sorpresa dalgún dos viaxeiros. Ante esta situación, desde a estación de autobuses contactaron coa Policía Nacional para alertar do incidente.
Unha patrulla trasladouse ata a chaira de autocares e os dous axentes atenderon ás explicacións tanto do condutor como dos protagonistas da protesta, que decidiron abandonar a concentración aplaudindo ironicamente a marcha do vehículo de transporte.
A asociación e a familia de Cristian comunicaron esta problemática á Valedora do Pobo. Desde Amizade indican que con esta protesta queren visibilizar que aínda queda moito camiño para conseguir a igualdade e, con estas accións, se amosa que non se respectan os dereitos das persoas con discapacidade.
Amizade pide desculpas polas molestias ocasionadas aos pasaxeiros e ao persoal pero Paulo Fontán insiste en que é necesario denunciar que a empresa utiliza unha publicidade enganosa e chamar a atención sobre estes feitos para que as autoridades obriguen ao cumprimento da normativa.
Neste sentido existe un real decreto de 2007 do Ministerio de Fomento en que se establece para o transporte público que os traxecto que transcorren máis aló dunha comunidade autónoma teñen que estar adaptados para persoas con problemas de mobilidade de forma que se permita viaxar a un usuario na súa propia cadeira de rodas. Algo que a Cristian non lle permitiron facer este venres.
Relacionadas:
-
Amizade denuncia o mal deseño das prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida
Por Redacción |
-
Mulleres con discapacidade reclaman que se adapte o servizo de xinecoloxía do Complexo Hospitalario
Por Anxo Lourido |
-
Maica Larriba coñece de primeira man o traballo de Amizade e destaca o seu "compromiso moral"
Por Redacción |
-
As oficinas de Consumo abrirán en decembro na sede da Xunta en Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
Alsa promete a Amizade establecer autobuses adaptados con ruta a Oviedo para persoas con mobilidade reducida
Por Anxo Lourido |
-
"Ocio vedado" para as persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez |
-
O deporte, ferramenta poderosa para favorecer a inclusión de persoas con discapacidade
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Acción de "guerrilla" de Amizade contra os que aparcan "sobre os nosos dereitos"
Por Redacción |
-
Denuncian a falta de accesibilidade do edificio de Consumo e de Tráfico en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |