A Policía Local pon en marcha tres operativos especiais de tráfico polo inicio das festas e as touradas
Por Redacción
O inicio das festas da Peregrina fará coincidir esta fin de semana múltiples eventos na cidade de Pontevedra que motivarán a posta en marcha de tres operativos especiais de seguridade e tráfico por parte da Policía Local. Un será nocturno con motivo da tirada de fogos de artificio á medianoite no peirao das Corbaceiras e os outros dous serán de tarde, para garantir o normal funcionamento das touradas na praza de San Roque e da manifestación anti touradas polas rúas do centro.
O operativo deseñado con motivo das touradas aplicarase durante as xornadas do sábado e o domingo, pois ambos os dous días haberá festexos en San Roque. A partir das 8.00 horas do sábado prohíbese o estacionamento nas rúas próximas a Praza de Touros (Victor Said Armesto, Campo da Torre e Nostradamus Lourido) e a partir das 18.00 horas tanto o sábado como o domingo quedarán peonalizadas as rúas Alameda, Raíña Vitoria e boa parte de Colón e San Roque, así como as que rodean a praza e outras menores, por motivos de seguridade.
A avenida de San Roque quedará cortada nas Corbaceiras en sentido subida, así como a Víctor Said Armesto e outras menores que dan acceso á praza. Tamén se cortará o Paseo de Colón á altura da rúa Monteleón, de tal xeito que os vehículos que circulen por esta vía desde a Ponte da Barca deben dirixirse á avenida de Uruguai. Os vehículos que circulen desde a avenida de Uruguai pola rúa Irmáns Nodales terán que voltar ás Corbaceiras por San Roque.
Ademais, a Policía Local reforzará os medios humanos dispoñibles para garantir que a celebración taurina e a multitudinaria festa posterior do sábado se celebren con tranquilidade. Tamén se conta coa colaboración e os reforzos da Policía Nacional.
De cara á manifestación anti touradas prevista para as 20.00 horas deste sábado, haberá cortes de tráfico puntuais polo percorrido que se restablecerán unha vez que pase a manifestación. Os vehículos estacionados non poderán moverse ata o paso da mesma.
Con motivo da tirada de fogos de artificio, a partir das 23.30 horas, a Policía Local procederá ao corte do tráfico rodado nas inmediacións do peirao de Corvaceiras. O tráfico procedente de Marín será desviado pola rúa Manuel de Palacio; o de Paseo Colón, pola rúa Monteleón cara a Uruguai; o de Uruguai, pola rúa Xofre de Tenorio; e o da rúa dos Peiraos, por Ponte Novo e Palamios.
O tráfico de saída cara a Marin recoméndase efectualo por Xosé Malvar. Os vehículos que circulen pola avenida Uruguai cara á avenida de Marin serán desviados (cambiando a súa dirección), na rotonda de Uruguai.
Ademais, a Policía Local establecerá un perímetro de seguridade para as persoas nas inmediacións do punto da tirada dos fogos de artificio e fai un chamamento á poboación que acuda a ver os fogos para que respecten o límite dos valados de seguridade.
Relacionadas:
-
A Policía Local pide a devolución das taxas do guindastre na retirada de máis de 40 vehículos no Princesa de Asturias
Por Anxo Lourido |
-
Operativo especial de tráfico da Policía Local con motivo dos eventos taurinos
Por Redacción |
-
Dispositivo especial de tráfico toda a fin de semana polas touradas e os fogos de artificio
Por Redacción |
-
Dispositivo especial de tráfico toda a fin de semana polas touradas e os fogos de artificio
Por Redacción |