Bueu servirá unha vintena de preparacións na XIX Festa do Polbo
Por Redacción
O polbo, como en Bueu, en ningún sitio. Polo menos, non con tantas elaboracións diferentes. Máis de vinte pratos con outras tantas formas de cociñar este cefalópodo vanse servir na décimo novena edición da Festa do Polbo, que se celebrará no campo da Estacada entre os días 10 e 12 de agosto.
Como vén sendo habitual nesta festa, organizada polo Concello e a confraría de pescadores San Martiño, a gastronomía combinarase cunha programación cultural e festiva, coa que "queremos evolucionar pero sen esquecer a tradición", tal e como declarou a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo,
Os postos estarán abertos o venres de 19.30 a 00.00 horas, pero a inauguración oficial será o sábado ás 12.00 horas, cunha demostración gastronómica a cargo de Bea Sotelo, cociñeira cunha estrela Michelín mentres rexentaba o restaurante "A Estación" de Cambre.
Segundo salientou Sotelo, vai ser unha demostración de cociña tradicional reinventada coa que se buscará salientar a impronta do polbo, con propostas de pratos divertidos e ao alcance de todas as persoas.
A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar unha sesión vermú amenizada polo dúo Voodoo, novidade deste ano coa que se ofrecerá un pack de tapa e vermú galego por 6 euros, proposta coa que se pretende chegar ao público máis novo. Xa pola noite, ás 22.00 horas, o actor galego Serxio Pazos fará desfrutar ao público asistente dun monólogo.
O domingo, ás 12 da mañá, o grupo Retrouso amenizará a sesión vermú, e pola noite, ás 20.30 horas o programa cultural rematará con Cantos de Taberna.
As degustacións de polbo tamén serán ofertadas o sábado de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00, e o domingo, das 12.30 a 16.30 e das 20.00 a 00.00 horas. As variedades terán un custe de 6 e de 10 euros, segundo a ración, e serán ofrecidas por dous establecementos: O Rincón de Cela e Frigoríficos Rosa de los Vientos.
Rosa de los Vientos disporá, por un custe de 6 euros, de empanada de polbo de trigo, empanada de polbo de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo, fabas con polbo e paté de polbo á feira; e por 10 euros, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á feira e polbo en caldeirada.
Pola súa banda, O Rincón de Cela presentará empanada de polbo de millo e trigo, xeado de polbo, boliño de polbo e croquetas de polbo, todas por 6.00 euros; mentres que por 10 euros, os comensais poderán probar o polbo á feira, o polbo á prancha, polbo en caldeirada, a pizza de polbo, e a brocheta de polbo.