O Concello plantará á Xunta nunha reunión sobre o plan de transporte pola súa "improvisación"
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra non acudirá este venres 27 de xullo á reunión convocada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda para abordar os prezos da posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano da área de Pontevedra. Ao encontro están citados todos os concellos da comarca, pero o da capital non acudirá, farto da "improvisación" da administración autonómica nesta materia.
O concelleiro de Mobilidade e Transporte de Pontevedra, Demetrio Gómez, deu a coñecer este xoves que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, telefonou pola mañá á conselleira de Instraestructuras e Vivenda, Ethel Vázquez, para anunciarlle a súa ausencia e trasladarlle que o Concello segue disposto a negociar, pero sempre seguindo as circunstancias xa trasladadas por carta á responsable autonómica o pasado mes da maio.
Nesa carta, Lores xa lle trasladaba a Vázquez que o primeiro paso para regular o transporte público de persoas por estrada debería ser a creación dunha comisión técnica bilateral entre técnicos municipais e da Xunta de Galicia e, a continuación, unha vez estudadas as mellores alternativas, habería que crear unha Mesa polo Transporte Público na que tamén estarían representados o sector e o movemento asociativo da cidade.
Demetrio Gómez lembrou este xoves en rolda de prensa que a Xunta non respondeu á proposta do Concello e mantén un posicionamento que lles xera "frustración", pois "máis unha vez" volveu a convocarlles este venres nas dependencias da delegación territorial da Xunta en Pontevedra nunha reunión sen unha orde do día claro e sen facilitarlles a documentación previa necesaria.
Esta nova reunión é a pinga que colma o vaso e no Concello aseguran estar xa cansos, por iso é polo que se tomou a decisión de non acudir. Segundo explicou Demetrio, a orde do día da reunión si lla pasaron a petición do goberno local, pero non así a documentación que cren que deberían estudar antes de acudir ao encontro.
"Estamos dispostos a negociar, pero todo ten un límite", indicou o concelleiro de Mobilidade nunha comparecencia na que asegurou que "levamos tendo moita paciencia desde hai meses" e que nas condicións actuais non sentarán a negociar coa Xunta de Galicia.
Respecto diso, explicou que están dispostos a estudar todas as propostas que acheguen e que saben que é posible que o Concello non teña toda a razón, pero que non é de recibo a forma na que a Xunta está a abordar un proceso tan necesario no que teñen a oportunidade de crear unha rede de transporte que funcione, pois todas as liñas que afectan a capital caducan en decembro de 2019 e hai unha oportunidade para empezar de cero e "facelo moi ben".
Relacionadas:
-
A Xunta descontará o custo do transporte urbano ao Concello se este non asume este servizo voluntariamente
Por Oskar Viéitez |
-
O PP esixe retomar as negociacións coa Xunta polo transporte metropolitano
Por Redacción |
-
Moraña solicita máis frecuencias de transporte en bus coa capital
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez asegura que o "boicot" de Pontevedra ao Plan de Transporte débese a "intereses políticos"
Por Diego Espiño |
-
Ethel Vázquez advirte que sen Pontevedra o plan de transporte metropolitano "non ten sentido"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Concello e Xunta estudan implantar un transporte público "racional e eficiente"
Por Redacción |
-
O Concello propón á Xunta crear unha "comisión técnica bilateral" sobre o transporte público
-
O Concello de Pontevedra, defraudado co "trágala" da Xunta, quere estudar o plan de transporte metropolitano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |