A Garda Civil saca a cabalería (e a 2.300 efectivos) contra os incendios forestais
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Como cada verán, a Garda Civil sacou a cabalería (en sentido real e figurado) para previr, combater e investigar os incendios forestais. A campaña comezou xa o 1 de xullo, pero este martes tivo en Cuntis un momento álxido coa presentación oficial dos medios materiais e humanos que traballarán nesta materia ata finais do mes de setembro. En toda Galicia suman 2.300 efectivos.
O dispositivo implica a persoal de distintas unidades da Garda Civil das catro provincias galegas -Servizo de Protección da Natureza (Seprona), Agrupación de Reserva e Seguridade, Seguridade Cidadá, Policía Xudicial, Servizos de Informacion e Unidade Aérea- e reforzouse con 60 axentes do Escuadrón de Cabalería e máis medios procedentes de unidades chegadas de distintos puntos de España.
A presentación oficial do operativo correu a cargo do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que tivo oportunidade de coñecer o traballo de cada unha das unidades implicadas nun acto no campo de fútbol de As Canteiras de Cuntis. Acompañárono o coronel da Comandancia de Pontevedra, Jorge González, que estes días exerce como xefe interino da Garda Civil en Galicia; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Darriba; e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.
Estaba previsto que este martes tamén se achegase ata Cuntis algún dos medios aéreos despregados por esta campaña, pero as condicións meteorolóxicas impedírono. De todos os xeitos, o despregamento de efectivos realizado permite facerse unha idea de que falar de que se saca a cabalería é literal porque se inclúe a xinetas e cabalos do Escuadrón de Cabalería, pero tamén figurado, como resumo dunha ampla cantidade de medios materiais e humanos implicados directamente en plantar cara ao lume e aos incendiarios.
Respecto diso, Javier Losada deu a coñecer que entre xaneiro e xullo de 2018 a Garda Civil ha contabilizado a 31 persoas detidas ou investigadas por actividades relacionadas con incendios forestais. Esta cifra demostra que o instituto armado non só traballa nesta materia durante os meses de máximo risco de incendios, que teoricamente son o verán, senón ao longo de todo o ano, "nese intento constante de manter no posible a seguridade dos nosos montes e as nosas vilas en perfectas condicións".
O delegado do Goberno destacou que a Garda Civil ten como obxectivo primordial "a prevención pola vía da seguridade anticipada", pero tamén "se hai un delito, atopar ao delincuente para poñelo a disposición xudicial e investigar sobre as causas que produciron ese incendio para que a administración da Xunta poida ter todos os datos para poder facer a súa campaña para os próximos anos".
A maiores, quixo destacar a importancia de concienciar aos cidadáns, pois "o problema do lume ten que ver moito coa concienciación de que se cumpran todas as normativas que ao longo destes meses os concellos, a Subdelegación e a propia comunidade autónoma lanzan para que evitemos o lume", pois "entre todos podemos evitar acabar con esta secuela que cada vez conseguimos diminuíla, pero nalgúns momentos vaise das mans, como ocorreu o ano pasado ou cando se conxugan climatolóxicos coa idiosincrasia do noso monte".
Ademais, nunha intervención ante os medios tras visitar aos distintos efectivos despregados, quixo insistir que a loita contra os incendios forestais é unha competencia exclusiva da comunidade autónoma na que o Goberno do Estado pon á súa disposición máis medios a través das forzas e corpos de seguridade do Estado e das Forzas Armadas (no seu caso, con efectivos da Unidade Militar de Emerxencias e a Brigada Galicia VII, a Brilat). Faio a través de acordos e convenios "para axudar a previlos e a combater a delincuencia arredor do lume".
O delegado do Goberno lembrou que, a maiores, e durante a época de máximo risco, as Xefaturas de Comandancia configuran os EMIF (Equipos Multidisciplinares de Incendios forestais) e as Xefaturas de cada Compañía os EIIF (Equipos de Investigación de Incendios). Trátase de equipos formados por persoal de distintas unidades, como Información, Seguridade Cidadá e Policía Xudicial, que se dedican integramente a investigar as causas de cada incendio que se produce nas zonas de responsabilidade da Garda Civil.
Relacionadas:
-
A Cabalería da Garda Civil reforza a seguridade na Lanzada
Por Redacción |
-
Cuntis demanda fondos para facer fronte á prevención de incendios e a avespa velutina
Por Natalia Puga |
-
A UME desprégase na base da Brilat no marco da loita contra os incendios
Por Natalia Puga |
-
A Brilat volve ao monte contra os incendios: "Intentamos aportar nuestro granito de arena para que Galicia no sufra esa lacra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |