Ponte Caldelas estima que o seu renovado balneario atraerá a 50.000 persoas cada ano
Por Redacción
O futuro balneario de Ponte Caldelas, que incluirá un complexo de pozas termais ao aire libre, atraerá 25.000 visitantes o primeiro ano e, de cara ao quinto ano, a cifra duplicarase e chegará ata os 50.000. Así figura no estudo de viabilidade económica co que se vén de iniciar o expediente para a concesión destas instalacións.
As empresas interesadas terán que construír o complexo e, posteriormente, xestionar o balneario que, segundo o estudo municipal, é un negocio moi competitivo, de risco operativo baixo e que entrará en beneficios o mesmo ano da súa apertura.
Ata o de agora, segundo o Concello, oito firmas adiantaron o seu interese neste proxecto.
O estudo de viabilidade, peza obrigada deste complexo expediente, estima que o futuro balneario atraerá ata 50.000 visitantes, en base á situación estratéxica de Ponte Caldelas, a cabalo entre as comarcas de Pontevedra e Vigo.
A viabilidade económico-financeira vén polo cálculo dun saldo positivo no primeiro ano de 8.375 euros, unha vez deducida a amortización do investimento inicial e os custos de explotación. As cifras crecen ata os 155.160 euros no quinto ano. Por todo iso conclúese que a futura concesionaria asume un risco operativo baixo.
A incerteza económica para o Concello é moi baixa, destaca o estudo, ao apostarse pola construción e explotación coa fórmula concesión, a risco e ventura do adxudicatario. Ao mesmo tempo sublíñase o impacto positivo que a instalación termal suporá para o comercio e a hostalería, máis aínda dado o carácter desestacionalizado deste tipo de turismo.
A análise valora a posible competencia doutras instalacións termais. Céntrase en Cuntis e Caldas de Reis e subliña os aspectos diferenciais que ofrecerá Ponte Caldelas, que aposta por piscinas ou pozas ao aire libre, con independencia de que o proxecto final inclúa tamén outras instalacións adicionais.
“Trátase, por tanto, de actividades diferentes que non compiten directamente entre si, análogas ás que se desenvolven en estacións termais da provincia de Ourense de recoñecido éxito”, explican os autores do estudo.
O carácter mineiro-medicinal das augas de Ponte Caldelas, coñecidas dende 1877 e indicadas para distintas afeccións da saúde, entre elas as dermatolóxicas, é outro dos factores competitivos analizados.
En canto á contratación de persoal estímase que, de desenvolverse o proxecto mínimo, será necesaria a contratación de cinco persoas, para a atención ao público, servizos médico-estéticos e mantemento. Ademais, será necesaria a contratación da limpeza. O Concello esixirá contratos indefinidos e salarios acorde co convenio colectivo do sector.
O expediente administrativo incluirá tamén un anteproxecto arquitectónico cinguido aos case 4.000 metros cadrados de solo urbano existentes na finca de 7.700 metros que vén de ser adquirida polo Concello á Sociedade de Reestruturación de Activos Bancarios (Sareb).
Deseñarase un edificio de servizos de dous andares cunha piscina cuberta e varias pozas ao aire libre. O orzamento desta instalación será inferior aos dous millóns de euros.
Os futuros licitadores deberán, como mínimo, adoptar este anteproxecto, aínda que o procedemento administrativo deixará marxe á posibilidade de presentar novos planos con melloras e ampliacións que, en todo caso, deberán partir da viabilidade urbanística.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas expón a documentación do futuro balneario
Por Redacción |
-
A futura estación termal de Ponte Caldelas terá tres piscinas, dúas delas ao aire libre
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas inspírase nas termas de Outariz para explotar o antigo balneario
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas pide á Sareb que repare os danos do temporal no valado do balneario
Por Redacción |