Remata a instalación da escaleira que conecta a estrada provincial de Dorrón coa zona do Outeiro
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra rematou este venres a instalación da escaleira que conecta a estrada provincial de Dorrón (EP-9213) coa zona do Outeiro.
Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a intención é que o paso quede aberto á veciñanza nas próximas horas logo de que se fagan os encontros entre a escaleira e a varanda da parte alta.
Esta escaleira pretende facilitar o acceso á zona do Outeiro dunha forma segura e cómoda para os veciños, que en 2015 cando se executou unha primeira reforma da estrada viron como se construía un muro de mampostería de seis metros de alto onde antes se accedía á EP-2703.
Iso obrigaba a percorrer un camiño municipal de máis de 250 metros cunha pendente considerable para poder acceder á vía provincial e despois desandar o andado para volver á zona de Dorrón. Este itinerario, ademais, é moi usado por rapazada e pais que no curso escolar acuden ao CEIP Magaláns-Dorrón, que está na estrada provincial a 500 metros da zona de actuación.
Tras dialogar coa veciñanza da zona e co Concello sobre as diferentes opcións para evitar que os peóns tiveran que dar rodeos para chegar á estrada provincial, a Deputación aceptou construír a escaleira como solución a curto prazo, sen perxuízo de que posteriormente se poida abrir unha nova vía de titularidade municipal ou adoptar outra solución.
A escaleira, que se montou por bloques, é metálica e galvanizada en quente e ten dous descansos intermedios e outro na parte superior. A estrutura foi realizada previamente no taller e os seus piares descansan en zapatas cimentadas en formigón.
Coa fin de garantir a seguranza viaria na zona e evitar colisións de vehículos coas columnas metálicas, durante a fin de semana manterase un valo arredor de toda a base da escaleira e a vindeira semana procederase a colocar bolardos perimetrais definitivos.