Novo aparcadoiro disuasorio para 150 coches en Tafisa
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra habilitará un aparcadoiro disuasorio para uns 150 vehículos nunha das parcelas de Tafisa.
Segundo informou Demetrio Gómez, concelleiro de Obras e Mobilidade, esta iniciativa foi abordada no encontro celebrado este xoves co vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto.
Trátase dunha actuación "reversible" e "non agresiva" que se acometerá na parcela reservada para o futuro Edificio das Artes polo que se deseñou un aparcadoiro con xabre compactado para que os coches poidan circular por encima pero sen ir a un asfaltado que tería maior impacto para esta zona verde. A leira non necesita explanacións nin modificar o terreo nin aliñar rasantes.
O Concello acometerá esta obra co propósito de que o aparcadoiro xa estea dispoñible no verán e ata que a universidade decida recuperar ese espazo para usos académicos construíndo a nova Facultade de Belas Artes.
O vicerreitor Jorge Soto tamén anunciou outra actuación pensada na cidadanía. Trátase de habilitar dous pantaláns e un pañol de material deportivo da universidade. Estaría na zona do río Lérez detrás da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
É unha actuación lúdica pensada no verán e as vacacións escolares "poñendo a disposición o material e a formación" desta facultade para desenvolver "actividades de lecer e tempo libre" e pensando en activar ese espazo da Illa das Esculturas.
"Pensamos que o uso dalgunhas embarcacións que temos alí pode ser máis aproveitable polos rapaces e as familias de Pontevedra", explicou o vicerreitor. O equipo de obras da universidade elaborou un plano desta "actuación fácil e cunha repercusión bastante notable na cidadanía", dixo.
PEONALIZACIÓN
Jorge Soto tamén avanzou a intención do novo equipo reitoral de humanizar o campus co propósito de integralo na cidade e achegalo á cidadanía. Para iso recuperan do caixón un vello proxecto para acometer a medio-longo prazo a peonalización da parte central do campus.
Igualmente, na reunión abordouse a presentación "en pouco tempo" dunha iniciativa para poñer en valor o arboreto do campus e a Universidade expresou a súa intención de impulsar a feira de proxectos de investigación escolar PonteCiencia incrementando o apoio e "sacándoa á rúa".
Relacionadas:
-
Pontevedra abre ao público as 350 novas prazas de aparcadoiro nos antigos terreos de Tafisa
Por Redacción |
-
Inician os traballos para habilitar unha nova zona de aparcadoiro nos terreos de Tafisa
Por Redacción |
-
Unha aplicación do teléfono móbil permitirá identificar as árbores do campus
Por Oskar Viéitez |
-
Reordenan o aparcamento no campus con vistas a peonalizar a parte central
Por Alejandro Espiño |