Ata 150 quilómetros de vías do rural pontevedrés serán arranxadas este verán
Por Diego Espiño
A partir da segunda quincena de xuño o Concello de Pontevedra poñerá en marcha unha ambiciosa actuación de mellora nas vías do rural, incluíndo neste plan estradas de titularidade local en todas as parroquias.
Cun orzamento próximo aos 180.000 euros a intención é realizar tarefas de roza nas marxes, reparación do firme da vía con diferentes parcheados, limpeza de cunetas e nalgúns lugares labores de sinalización da zona 30 e pintado.
En total serán ata 150 quilómetros de estradas que non se puideron arranxar nos últimos meses, como defende o concelleiro responsable Demetrio Gómez, "foi un inverno duro de choivas continuadas e as vías do rural sufriron moito, foi imposible realizar tarefas de mantemento".
As actuacións terán lugar durante todo o verán e está previsto que estean rematadas en setembro, "pretendemos deixar lista a rede para pasar o inverno en boas condicións".
O goberno local ten a titularidade de preto de 1.000 quilómetros de estradas, polo que se buscaron criterios de eficiencia e operatividade para establecer a prioridade das actuacións, executando agora maioritariamente as melloras en vías de plataforma única na que conviven peóns e vehículos e que necesitan dunha maior prevención para evitar riscos na seguridade vial.