Sanidade xustifica en criterios técnicos o desvío de pacientes infartados no Salnés
Por Redacción
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que todas as áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde cumpren cos estándares de calidade na atención á asistencia sanitaria aos pacientes que sofren infarto de miocardio en Galicia.
Neste senso, incidiu que na área sanitaria de Pontevedra e do Salnés cúmprense os bos indicadores sobre a mortalidade por infarto. Así o afirmou Vázquez Almuiña na súa intervención no Parlamento.
No tocante á derivación dos pacientes infartados no Salnés, Almuiña afirmou que a decisión é consecuencia dunha análise de cada situación por parte dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que son os que determinan a ambulancia que traslada ao paciente dende o lugar do infarto á unidade de hemodinámica máis próxima.
"Os profesionais da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 avalían o tempo de traslado ao servizo de hemodinámica máis axeitado", subliñou o titular de Sanidade, remarcando que a decisión responde a criterios técnicos, de efectividade e de calidade.
HIXIENE DE MANS
Por outra banda, a nivel hospitalario, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a segunda de Galicia cun maior compromiso coa hixiene de mans, cunha porcentaxe de adherencia a esta práctica entre os seus profesionais dun 60%.