O Concello de Sanxenxo convoca aos sindicatos para a firma do convenio colectivo
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo convocou aos sindicatos para unha reunión o xoves co obxectivo de asinar o convenio colectivo, tras o acordo alcanzado o pasado mes de novembro.
Un convenio que levaba dous anos atrancado pola negativa da anterior responsable de persoal de non sentar a negociar ata que se concluíse unha auditoria, que a xuízo do actual goberno local "non serviu para nada". Hai que remontarse 12 anos atrás para atopar a firma do último convenio laboral, en 2005, na anterior etapa de Telmo Martín como alcalde.
Despois do acordo alcanzado en novembro o documento estaba pendente do informe xurídico preceptivo do secretario municipal. Nese informe sinaláronse algunhas deficiencias legais que tiveron que ser corrixidas e, loxicamente, á vez tamén acordadas á súa vez cos sindicatos.
Nas dúas últimas reunións mantidas entre o goberno e os sindicatos o 31 de maio e o 6 de xuño acordáronse os últimos detalles que se incorporaron ao convenio. Agora o goberno xa dispón do documento definitivo para que poida ser asinado por todas as partes e posteriormente póidase convocar un pleno para a súa aprobación.