Ábrese o prazo para adquirir os tiques para asistir á festa de San Xoán de Cerdedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade ultima a preparación da festa de San Xoán de Cerdedo, unha actividade tradicional para a que se agarda unha asistencia mulititudinaria de veciños e visitantes.
As persoas interesadas en acudir deben mercar os tiques para a cea, a un prezo de 3 euros. A venda realízase nas oficinas municipais de Cerdedo ou en Carballedo ata o luns 18 deste mes.
Durante este mércores, o presidente e vicepresidente municipais, Jorge Cubela e José Balseiros desprazáronse ata a praia fluvial, espazo onde se celebrará a festa. Ao longo dos últimos días están a levarse a cabo os preparativos e traballos de acondicionamento.
A celebración será o 23 de xuño e comezará ás 21.30 horas cun menú consistente en sardiñas asadas, churrasco, pan e viño. Os menores de 12 anos non terán que pagar. Os tiques non se poderán adquirir o mesmo día da festa para facilitar a organización previa do evento.
O programa contempla diversas actividades coa animación musical a cargo da charanga Charandonga e da discoteca móbil "ON by Chito", ademais da tradicional queima do meigallo cunha gran fogueira que se encenderá a partir da medianoite.