Príncipe Felipe estrea con éxito o seu novo plan de autoprotección cun simulacro de incendio
Por Redacción
A cidade infantil Príncipe Felipe viviu este mércores un simulacro de incendio que serviu como estrea do novo Plan de Autoprotección elaborado para as instalacións pola Deputación provincial.
Segundo explicou a deputada delegada do centro Eva Villaverde, a intención era comprobar a capacidade de reacción dos equipos de primeira intervención e avaliar se o novo plan funciona correctamente cando se detecta unha emerxencia.
O resultado foi un éxito, xa que os responsables de coordinar a emerxencia actuaron con dilixencia e cumpriuse o tempo de evacuación previsto, sete minutos.
No simulacro de incendio participaron máis de 220 persoas da cidade infantil, tanto menores usuarios dos centros de acollemento de maternais e da escola infantil, como persoal da quenda de tarde deses centros, da cociña-comedor, e de enfermería, servizos que están no mesmo bloque que o edificio afectado.
A intención deste simulacro, segundo explicaron tanto a deputada Vilaverde como o director do centro, José Ramón Couto, foi valorar o plan de autoprotección, comprobando se todas as vías de saída previstas estaban en condicións e sen obstáculos, habilitadas segundo os planos, entre outras cuestións. Tamén houbo unha vertente de valorar a capacidade de reacción do persoal encargado das persoas menores que están no centro.