A Xunta concede 31.000 euros a Ponte Caldelas para compensar o custo dos incendios
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas xa coñece a cantidade coa que a Xunta de Galicia vaille compensar os gastos extraordinarios producidos polos incendios do pasado 15 de outubro. O municipio que viu como as lapas queimaban 2.900 hectáreas (un terzo da súa superficie) recibirá 31.000 euros.
O goberno local caldelán tiña reclamado 102.030,69 euros a resultas dos estragos das lapas no alumeado público, valado e dotacións da área arqueolóxica de Tourón, colectores de lixo, firme e sinalización vertical e horizontal de estradas municipais e gastos varios como alugueiro de material.
O equipo de goberno renunciou a incluír outro tipo de gastos, como o das horas extraordinarias do persoal ou a reposición de servizos comunais urxentes, de xeito moi destacado os máis de 8 quilómetros de mangueiras e elementos de subministro de auga entregadas ás comunidades veciñais de augas. Unhas 2.000 persoas quedaran sen subministro en Ponte Caldelas despois daquela data e a intervención municipal permitiu repoñelo en poucos días.
Tampouco se repercutiron os gastos polo desenvolvemento das xornadas de "mulching" sementeira de centeo, así como a atención ás persoas evacuadas.
O goberno local de Ponte Caldelas fai súas as palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e califica o apoio económico da Xunta de "esmola". O goberno local de Ponte Caldelas adianta a súa vontade de "non contribuír a ningunha liorta política partidista". A política forestal, en materia de ordenación, prevención e extinción, recalca, é unha competencia autonómica exclusiva.
Dende Ponte Caldelas dáse este capítulo por pechado.