Convivir coa violencia física e psíquica: "No vales para nada, soy yo quien mantengo a la familia"
Por Natalia Puga
A la primera señal de maltrato, llama al teléfono 016 de atención a víctimas de violencia de género
A de Ángeles é unha desas historias que cada día escriben as mulleres que ven inmersas nun ambiente de violencia tal que o medo as paraliza. O seu nome é ficticio, pero os golpes e puñadas non poden ser máis reais e a violencia psíquica e verbal incluía de forma demasiado frecuentes frases como "no vales para nada, soy yo quien mantengo a la familia y tú no cuidas al niño".
O seu temor era tan real que chegou un momento no que ela "pensou que a única forma de resolver esta situación era suicidándose". Afortunadamente, non consumou eses pensamentos, o seu maltratador acabou detido e condenado a tres anos e cinco meses de prisión por unha sentenza do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra recentemente confirmada pola Sección Cuarta da Audiencia Provincial.
Ángeles e Gabriel -tamén nome ficticio- mantiveron unha relación de nove anos e tiveron un fillo en común que, durante os seis últimos meses de convivencia dos seus pais, cando tiña catro anos, tamén presenciou algúns episodios da violencia que sufriu a súa nai, e que sempre ocorría na intimidade do domicilio familiar.
A sentenza, que o maltratador recorreu sen éxito, considera probado que durante o medio ano anterior ao cesamento da relación o home someteu a constantes actos de violencia psíquica e física á súa parella, nos que "a trataba a golpes, dándolle empuxóns, agarróns do pescozo, puñadas na cabeza e constantes menosprezos".
Gabril dicíalle "cerda, no te lavas, hija de la gran puta, no haces nada, eres una vaga", controlábaa impedíndolle que puidese ver á súa familia e vixiando o diñeiro que podía gastar e tratábaa como a unha nena á que hai que reprender.
O fallo xudicial relata tamén episodios graves de ameazas. Un día, tras unha discusión, el colleu un coitelo e enarborouno diante dela facendo ademán de cravarllo. Noutra ocasión, ela encerrouse no baño durante unha discusión e el colleu un desaparafusador para abrir a porta, entrar e poñerlle esa ferramenta preto do pescozo. Para asustala, "díxolle que a podía enterrar na horta, que ninguén se decataría se o fixese".
Todos eses episodios, que acabaron en maio de 2016 coa detención do maltratador, sumiron a Ángeles nun "constante estado de medo e dominación exercida pola súa parella".
A sentenza considera a Gabriel autor de catro delitos, sendo o principal o de violencia habitual no ámbito de violencia sobre a muller polo que lle impón dous anos de prisión, tres anos de privación de tenencia e porte de armas e a prohibición de achegarse a menos de 200 metros da súa vítima e comunicarse con ela durante tres anos.
Ademais, condénao por dous delitos de ameazas leves no ámbito de violencia contra a muller a oito meses de prisión e á prohibición de achegarse a ela e comunicarse con ela durante un ano e oito meses por cada delito. A cuarta infracción que lle atribúe é a de malos tratos de obra no ámbito de violencia contra a muller en domicilio común e en presenza de menor de idade, que lle supón unha pena de nove meses de prisión, dous anos sen poder ter armas e un ano e nove meses sen poder achegarse á súa vítima nin comunicarse con ela.