Novos investimentos da Deputación en Poio, Caldas de Reis, O Grove e Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas para os concellos de Caldas de Reis e Poio, ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018.
Así, Poio recibirá unha achega de 23.379,53 para a estabilización do muro de contención da estrada e continuación do paseo litoral de Campelo. Con este investimento, Poio xa recibiu 1.036.971,49 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 58,24%.
Caldas de Reis recibirá da Deputación de Pontevedra unha achega de 198.515,60 euros cos que poderá financiar a execución do proxecto de edificación para a Escola de Música, Escola Taller e outros usos municipais. Con esta achega, Caldas de Reis recibiu xa 710.619,74 euros do Plan Concellos 2018, o 58,4% do Plan.
Esta mesma Xunta de Goberno tamén aprobou achegas da liña 2 do Plan Concellos. Concretamente, foron unha axuda de 6.000 euros para o concello do Grove, para o programa “Vellos tempos” e para o grupo de crecemento persoal para a saúde integral.
E Vilagarcía de Arousa recibirá 45.296,82 euros para a prevención do ciberacoso e bo uso das TIC's, festival de estío con apego e para as Sonatas de Verán 2018.