Corte de tráfico na rúa Madrid para o seu reasfaltado
Por Redacción
A rúa Madrid será asfaltada a próxima semana e por iso permanecerá cortada ao tráfico. A empresa encargada de realizar as obras de pavimentación comezará o luns ás 8.00 horas cos traballos previos de organización.
A actuación abarcará 550 metros de lonxitude e unha superficie de 2.200 metros cadrados. As obras consistirán no fresado do firme e na extensión dunha capa de rodaxe en quente, cun grosor de 5 centímetros. Ademais, nivelaranse as arquetas para deixalas todas a unha mesma altura e faranse previamente pequenas reparacións nelas.
Na unión da avenida de Madrid co paseo de Silgar, antes da entrada ao porto, farase un paso elevado que mellore e garanta a seguridade no acceso ao paso de peóns. Nestes momentos a beirarrúa é moi estreita e dificulta o paso pola mesma, sobre todo a persoas con mobilidade reducida ou a carriños de bebés.
As obras comezarán o luns día 4 e estenderanse ao longo de 4 días, polo que se fará unha reordenación do tráfico para garantir que usuarios, veciños e visitantes poidan acceder á zona sen problema.
Ademais, aos residentes que dispoñan praza de garaxe na rúa Madrid, e acredíteno, facilitaráselles o parking do porto deportivo de forma gratuíta, para que poidan estacionar durante toda a semana.