Marín celebra o día do mercado o vindeiro sábado
Por Redacción
O vindeiro sábado 26 de maio celebrarase o día central da campaña "Coñece o teu mercado" posta en marcha no ano 2015 pola Xunta de Galicia, coincidindo co día europeo dos mercados. Desde ese ano o concello de Marín adheriuse a estas campañas promocionais que se celebran nas prazas de abastos de Galicia.
Nesta ocasión a Concellería de Comercio e Turismo deseñou unha campaña de dinamización nas compras, promocionando as vendas a través do sorteo de 1.000 euros repartidos en 13 vales compra, repartíndose no mercado de Marín 10 vales: un de 300 euros, un de 100 euros e oito de 50 euros e en Seixo: 3 vales en dous de 50 euros e un de 100 euros.
Desde o pasado 14 de maio e ata o sorteo en ambas as prazas, a clientela de ambas as prazas obterá rifas polas compras que realicen no mercado. Os sorteos, tal e como se indica nas bases, serán presenciais, polo que se sortearán todos os vales ata que se repartan todos os premios.
No mercado de Seixo será este sábado 26 de maio ás 11,30 horas e no mercado de Marín ás 13,00 horas.
Ademais ese día a partir das 9 da mañá, os nenos que vaian ao mercado serán galardoados con diferentes obxectos de promoción da campaña, como bolsas reciclables para realizar as compras, globos, piruletas, cores para pintar e contos, ata esgotar existencias.