Preto de 150 profesionais actualizan en Pontevedra os seus coñecementos sobre estratexias onco-cirúrxicas
Por Redacción
O salón de actos do Hospital Montecelo acolleu este xoves a celebración dun simposio sobre estratexias onco-cirúrxicas no tratamento da enfermidade metastásica hepática e hepatocarcinoma ao que asisten preto de 150 profesionais médicos e de enfermaría procedentes de diferentes partes do mundo como Luxemburgo, Ucrania, Portugal, Colombia, Perú ou México.
Este congreso, enmarcado no primeiro curso de cirurxía minimamente invasora hepato-bilio pancreática organizado polo servizo de Cirurxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, continuará pola tarde cunha xornada na que participarán 80 cirurxiáns que poderán actualizar os seus coñecementos no relativo ao manexo multidisciplinar de pacientes con enfermidade metastásica hepática ou con hepatocarcinoma.
Na convención científica, que está avalada pola Asociación Españolas de Cirurxiáns e pola Sociedade de Cirurxía de Galicia, se tratarán as principais novidades na avaliación radiolóxica das lesións metastásicas hepáticas, a indicación e a abordaxe cirúrxica dos pacientes con estas patoloxías e a súa rehabilitación multimodal, así como o manexo e coidados por parte dos profesionais de enfermaría.
O congreso finalizará ao longo da xornada do venres coas intervencións dos profesionais convidados que abordarán a actualización no tratamento dos hepatocarcinomas.
A unidade de cirurxía hepato-bilio-pancreática do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra destaca por ser pioneira neste ámbito, pois realizou a primeira hepatectomía laparoscópica no ano 2006, así como a primera pancreatectomía laparoscópica no ano 2003. Na actualidade, é un dos servizos de Galicia con maior experiencia en cirurxía hepato-bilio-pancreática laparoscópica, achegándose xa ás 100 hepatectomías laparoscópicas e ás 50 pancreatectomías laparoscópicas.
Entre os grandes avances tecnolóxicos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra está a dotación de pantallas de visión en tres dimensións aos quirófanos, o cal facilita a execución deste tipo de cirurxía minimamente invasora.
A maioría dos pacientes intervidos nesta especialidade son pacientes con cancro, pacientes con metástase hepáticas ou tumores primarios, ben sexan de fígado ou de páncreas. Grazas ao emprego das citadas técnicas cirúrxicas minimamente invasoras, os pacientes precisan un menor número de transfusións, experimentan menos dor e un mellor resultado estético, entre outras vantaxes.