As poxas solidarias do colexio da Reigosa recadan máis de mil euros
Por Redacción
As poxas solidarias sobre as creacións de 17 dos máis coñecidos ilustradores do libro galego foi todo un éxito. A iniciativa organizada polo colexio de A Reigosa, coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas, saldouse cunha recadación total de 1.037,35 euros.
O centro utilizará os fondos para iniciativas de reforestación e concienciación ambiental para paliar os efectos dos lumes forestais do pasado 15 de outubro.
A exposición, que levaba por título "Por un mundo máis verde", partiu da inquedanza do departamento de Dinamización da Lingua Galega do centro e estivo impulsada polas profesoras Tania Rivas e Estefanía Torres.
As ilustracións estiveron expostas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas xunto cunhas caixas para depositar as poxas das persoas interesadas en adquirilas. O resultado é que se venderon todas a prezos moi superiores aos agardados.
"Buscamos a axuda dos ilustradores que máis nos gustaban e atopámonos con que responderon de seguido, enviando as súas creacións ", subliñaron Tania e Estefanía. A maioría das obras estaban deseñadas en formatos dixitais, pero tamén había algunha feita a man.
Xunto coas 17 ilustracións expuxéronse tamén dous cadros feitos polo alumnado do centro, que tamén foron obxecto de poxa.
As 17 ilustracións correspondían a Eva Agra, Cristina Ouro, Abraham Carreiro, Xan López, María Montes Sueiro, Carlos Taboada, Kiko Dasilva, David Pintor, Luz Beloso, Iria Iglesias, Lucía Cobo, Óscar Villán, Nuria Díaz, María Fernández Novoa, Michel Casado, Dani Viéitez e Natalia Rey Pirusca.