A ponte das Letras Galegas rexistrou unha ocupación hoteleira do 65%
Por Oskar Viéitez
Os hoteis da provincia acadaron na pasada ponte das Letras Galegas unha ocupación do 65%.
Os resultados son practicamente similares aos obtidos durante a Semana Santa, cando a porcentaxe se situou por riba do 68%.
Segundo informou a Deputación, a comarca que mantivo a porcentaxe máis elevada foi Caldas co 86%, seguida de Pontevedra co 76%, da comarca do Morrazo co 73%, Vigo co 72% e O Salnés co 65%.
En canto ao turismo rural a ocupación chegou ao 33%.
Dende a Deputación valoraron con satisfacción o récord de visitantes que está a rexistrar o castelo de Soutomaior desde a súa reapertura. Deste xeito, se na primeira fin de semana da xornada de portas abertas se superaban as 1.000 visitas, nesta ponte foron 3.000 as persoas que acudiron ata Soutomaior procedentes de diferentes lugares da xeografía galega e do estado.
Por outra banda, este martes publícase no Boletín Oficial da Provincia unha nova convocatoria de dez bolsas de práctica laboral destinadas a persoas con titulacións relacionadas co turismo para a rede de oficinas de Turismo Rías Baixas.