Desarticulan un punto de venda de droga que xeraba queixas veciñais na rúa Cruz Vermella
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra logrou desarticular nas últimas semanas un punto de venda de drogas na rúa Cruz Vermella que fora orixe de múltiples queixas veciñais.
Fontes oficiais informaron de que os axentes municipais detiveron un home de 29 anos como presunto autor dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas tras constatar que se dedicaba á venda de estupefacientes.
O operativo é resultado das tarefas de vixilancia de espazos públicos da Policía Local. A Xefatura deste corpo recibiu queixas de varios veciños de Cruz Vermella que indicaban que era habitual observar a moita xente achegándose ata unha determinada vivenda e permanecer tan só un breve espazo de tempo no interior, de modo que se estableceu unha operación para controlar o ocorrido.
Segundo indicou a Policía Local, os veciños tamén tiñan coñecemento de que o inquilino desa vivenda adoitaba reunirse nas inmediacións da rúa Cruz Vermella con outras persoas coas que presuntamente realizaba vendas de estupefaciente.
O operativo de vixilancia estableceuse nas inmediacións do domicilio o 28 de abril e os policías puideron comprobar esa venda de estupefacientes. Sobre as 23.30 horas, os axentes da Policía Local procederon á detención do inquilino.