Pragueira e Bascuas estrean accesos a tempo para a tempada de praias
Por Redacción
A tempo para o inicio da tempada de praias, os areais de Pragueira e Bascuas estrean novos accesos unha vez concluídos os traballos desenvolvidos na zona durante as últimas semanas.
O Concello de Sanxenxo destinou ás obras 108.000 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
En concreto 53.100 euros foron os investidos en Bascuas, onde se actuou nun tramo de viario de 400 metros que se atopaba en mal estado debido ao tráfico soportado, ás obras de instalación de servizos urbanos e á súa antigüidade. Nesta zona procedeuse a realizar roza e limpeza de cunetas e marxes, a apertura dunha caixa para o ensanche da plataforma e posterior regularización do firme. Para terminar, a dotación de xabre artificial e dunha capa de rodaxe en quente.
Pola súa banda ao acceso de Pragueira centrouse nun tramo de aproximadamente 600 metros por valor de 55.200 euros, no que se realizou roza e limpeza de cunetas e marxes, a mellora da recollida de augas pluviais e a apertura dunha caixa na plataforma existente. Posteriormente regularizouse o firme e dotouse dunha capa de xabre artificial e dunha capa de rodaxe en quente. Tamén se instalou a sinalización horizontal correspondente.
En ambos os dous casos foi necesario solicitar autorizacións a organismos como o Servizo de Urbanismo dependente da CMAOT da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, ao Instituto de Estudos do Territorio, ao Servizo Provincial de Costas ou á Axencia Galega de Infraestruturas.