Trinta "campers" xuntaranse en Ponte Caldelas
Por Redacción
Máis dunha trintena de "furgos" e "campers" chegarán esta fin de semana a Ponte Caldelas para participar nun programa de actividades que terá o achegamento á natureza e o voluntario como fíos condutores.
A actividade está organizada polo Club Camper Galicia en colaboración con Van&Life, o colectivo local A Rente do Chan e o Concello de Ponte Caldelas.
A quedada xurde a raíz da relación con esta modalidade turística de Xosé de la Fuente, axente forestal da zona, propietario dunha destas singulares furgonetas adaptadas como vivendas rodantes.
O Concello puxo a disposición dos asistentes a zona habilitada para autocaravanas en Chan da Barcia, así como o Pavillón de Deportes, onde disporán de duchas e servizos. A día de hoxe xa está confirmada a participación duns 30 vehículos e un mínimo de 50 persoas, procedentes de toda Galicia, pero tamén algunha doutros puntos de España.
Xosé de la Fuente explicou que non deben confundirse este tipo de vehículos coas autocaravanas, que son fabricadas ex profeso para este fin. As furgonetas e as "camper", estas últimas algo máis grandes, son vehículos reconvertidos e son tamén un sinal de identidade dos seus propietarios.
"Gústanos fomentar a unión entre nós, dinamizar e deixar unha pegada positiva alá por onde pasamos", explica. Así xorde a idea de participar nunha actividade de reforestación, que se vai desenvolver no monte de Paradela, completando o labor que hai escasas semanas iniciaron os membros dunha asociación de solidariedade de ámbito internacional.
O programa comeza o venres pola tarde coa chegada dos organizadores, encargados de ir recibindo aos participantes. O sábado pola mañá haberá unha charla informativa sobre os efectos dos lumes en Ponte Caldelas. A continuación desprazaranse a Paradela para acometer os traballos de reforestación, incluíndo tamén o control e retirada de eucaliptos e acacias.
Xa o domingo, participarán na andaina de 13 quilómetros que inclúe o Sendeiro Azul de Ponte Caldelas, é dicir, o roteiro que comunica a praia da Calzada coas beiras do río, incluíndo os emblemáticos pasos da Fraga e Portasouto.