O Mosteiro de Poio acollerá esta fin de semana un encontro de profesorado
Por Redacción
O Mosteiro de Poio acollerá esta fin de semana un encontro de catro dos sete colexios da Provincia da Mercé de Castela, serán os catro de España xa que os outros tres están en Porto Rico. Son o Tirso de Molina, de Ferrol; o Colexio da Merce, de Sarria; o colexio dos Pais Mercedarios de Herdanza, en Cidade Real e o dos Mercedarios de Verín.
Anualmente o profesorado dos distintos centros educativos celebra este encontro que aproveitan para mellorar a súa formación. Neste caso, con motivo dos 800 anos da fundación desta orde, a formación virará sobre este aniversario.
Contarán coa participación de Enrique Moura, José Anido e José Ignacio Postigo, superior provincial da Mercé en Castela. En total reuniranse en Poio uns 70 profesores.
Dentro dos distintos actos programados ao cumprirse oito séculos de historia da orde da Mercé e impulsado pola celebración dun xubileu extraordinario con tal ocasión, o mosteiro de Poio acolle ao longo de todo o ano distintos encontros, como poden ser o de antigos mercedarios, o das distintas ordenes terceiras ou terciarias de toda Galicia, ou, mesmo, un gran festival de mozos.
Unha gran actividade para unha orde que non é moi numerosa, con apenas 800 membros repartidos por todo o mundo.