A Garda Civil detén un mozo por roubar en dous bares a 3 quilómetros de distancia a mesma madrugada
Por Redacción
A Garda Civil logrou esclarecer dous roubos cometidos a mesma madrugada en dous bares de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis e deter o seu presunto autor, un mozo de 20 anos veciño desta última localidade da comarca de Umia.
Os dous roubos rexistráronse na madrugada do 3 de abril. O primeiro produciuse nun bar da parroquia de Godos, en Caldas de Reis, ao que o autor entrou no local forzando a xanela do inmoble e apropiouse dun televisor, a recadación e os paquetes da máquina expendedora de tabaco e varias botellas de bebidas.
O segundo delito produciuse esa mesma madrugada nun bar situado na avenida de Rubiáns de Vilagarcía de Arousa, a unha distancia de menos de tres quilómetros do anterior. Neste caso, para acceder ao local o autor forzou a porta de entrada e levou a máquina rexistradora e a recadación dunha máquina recreativa, que apareceu forzada.
A máquina rexistradora foi localizada despois nun monte próximo ao bar de Caldas. Esta pista, unida aos indicios e as circunstancias que se apreciaron no roubo deste local, foron determinantes para establecer as primeiras hipóteses sobre a posible autoría dos dous roubos.
As pescudas realizounas o equipo de investigación da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, coa colaboración do posto do instituto armado e a Policía Local de Caldas de Reis, e concluíron coa detención do presunto autor dos dous roubos, un mozo, de 20 anos, de iniciais I.P.J., veciño do mesmo municipio de Caldas de Reis, que foi posto en liberdade despois de prestar manifestación en dependencias da Garda Civil.
As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de garda de Caldas de Reis, onde deberá comparecer o detido cando sexa citado.
A investigación continúa aberta para pescudar se existen máis persoas implicadas nos roubos.