Homenaxe aos represaliados do franquismo no cemiterio municipal de Ponte Caldelas
Por Redacción
Membros do colectivo "Somos Ponte Caldelas" realizaron este sábado unha ofrenda floral e descubriron unha placa en memoria dos represaliados do franquismo na parte nova do cemiterio municipal.
Cándido Picanzo foi o encargado de ler o manifesto dun acto no que se lembrou ás persoas que sufriron persecución e reclamouse “a reivindicación da verdade, a xustiza e reparación para as vítimas esquecidas por parte da historia do noso país".
"Non nos impulsa máis que o recoñecemento das vítimas, así de simple, sen vínculos partidistas ou engadidos interesados na inútil confrontación de ideais", defendeu Picanzo.
O acto de Somos Ponte Caldelas finalizou co descubrimento da placa conmemorativa por parte da presidenta do colectivo, Milagros Domínguez, depositando un ramo de flores coa idea de honrar aos veciños e veciñas do municipio que foron perseguidos durante os anos da ditadura.