Portonovo ultima os preparativos para a XXIII edición da Festa da Raia
Por Redacción
Portonovo acollerá os días 28 e 29 de abril unha nova edición, a vixésimo terceira, da súa tradicional Festa da Raia. O evento gastronómico, toda unha referencia na comarca, foi presentado este xoves na lonxa da vila.
O obxectivo que se marcou a organización é superar as 11.000 racións que se serviron na edición de 2017, segundo destacou o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro.
Serviranse, nesta ocasión, ata seis pratos diferentes nas inmediacións da lonxa. Estará dispoñible a tradicional caldeirada de raia "estilo Portonovo", raia á prancha, croquetas de raia, empanada de raia, salpicón de marisco e un pastel esponxoso de raia. Os prezos oscilarán entre os 4 e os 6 euros por ración.
Ademais, haberá un pulpeiro e varias adegas da zona ofrecerán aos asistentes os seus propios viños.
O programa festivo comezará ás 12.00 horas do sábado 28 cun pasarrúas do grupo Lembranzas, tras o cal haberá, entre outras actividades, un circuíto para BMX e skate, diferentes talleres, showcookings a cargo do obradoiro de hostalería do Salnés e do cociñeiro Fran Soteliño ou unha exposición de fotos antigas de Portonovo.
Xa o domingo, día 29, a agrupación folclórica Gatiños protagonizará o pasarrúas inicial, haberá unha demostración de cociña de Carmen Lima e entregarase a Raia de Ouro que, este ano, recibirá o club de xubilados de Portonovo con motivo do seu 25 aniversario. Tamén se repetirá a vistosa concentración de vespas.
Para quentar motores, ademais, a partir deste sábado 14 de abril poñerase en marcha a ruta Pincho e Raia, na que diferentes establecementos hostaleiros do municipio ofrecerán as súas propias creacións nas que a raia, como non podía ser doutra maneira, será a protagonista. As tapas poderanse degustar por un prezo de dous euros.
Trátase dunha iniciativa que, segundo Sueiro, tenta "incentivar" o consumo de raia, de promover este produto e "darlle vida" á propia Festa da Raia.
Relacionadas:
-
A Festa da Raia incluirá unha gran "cantada popular"
Por Redacción |
-
Positivo balance da primeira edición da Ruta Pincho e Raia
Por Redacción |
-
A lonxa foi, segundo o Concello, a clave do éxito da Festa da Raia
Por Oskar Viéitez |
-
A entrega da Raia de Ouro recoñece a traxectoria do Portonovo SD e homenaxea á xente do mar
Por Redacción |