A Deputación e o Concello de Poio investirán máis de 2,8 millóns de euros en Campelo
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio veñen de anunciar investimentos por máis de 2,8 millóns de euros en Campelo. Ambas institucións asinarán dous convenios de colaboración para executar dous novos proxectos que mellorarán a seguridade viaria e a mobilidade peonil na zona de Campelo. "Vai ser o proxecto estrela para Campelo", dixo o alcalde, Luciano Sobral.
O deputado Uxio Benítez explicou que as actuacións conveniadas abarcarán non só os 1,8 quilómetros da estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo- C-550, dende o seu inicio ata a igrexa de Campelo, senón tamén outros 300 metros correspondentes á estrada provincial EP-0602, coñecida como rúa Pai Avelino, entre a igrexa e o porto de Campelo. Esta última actuación sumarase á que o Concello xa está a executar nestes días na zona do peirao coa construción dun muro e a mellora da plataforma, unha obra financiada con cargo a fondos do Plan Concellos da Deputación e deseñada polo departamento de Mobilidade provincial.
O responsable das infraestruturas viarias provincial recoñeceu, de feito, que a mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil en Campelo "é unha necesidade fundamental" pola cantidade de equipamentos existentes e o seu uso por parte da veciñanza, que corre serio risco ao desprazarse a pé, motivo polo que se tomou a determinación de afrontar o custe do investimento de xeito global.
Os proxectos para a estrada de Campelo e para a rúa Pai Avelino están xa finalizados e supoñerán a construción de sendas peonís para garantir un tránsito peonil seguro. O seu deseño final foi posible grazas a que o Concello foi quen de acadar todos os terreos necesarios por vía de cesión. De feito, as certificacións dos fincas xa foron entregadas ao departamento de Mobilidade por vía dixital.
Ademais da mellora da seguridade viaria nas dúas estradas, os proxectos supoñen unha urbanización de toda a contorna, con novos servizos de alumeado público, novo saneamento, e novo sistema de pluviais, entre outros: "Todos os servizos urbanos que unha zona coma esta require", dixo Benítez.
En canto aos próximos pasos a dar para que as obras sexan unha realidade, Benítez explicou que as propostas de convenio xa foron remitidos ao Concello de Poio para a súa aprobación no Pleno da Corporación. Despois serán aprobadas na Xunta de Goberno da Deputación e asinadas publicamente nas vindeiras semanas, co obxectivo de levar os proxectos de modo inmediato ao departamento de Contratación provincial e iniciar os procesos de licitación e adxudicación.
A deputada e concelleira Chelo Besada lembrou que o actual proxecto feito polo departamento de Mobilidade da Deputación vén a substituír o encargado polo anterior goberno de Rafael Louzán, polo que o Concello de Poio tivera que pagar 60.000 euros.
"Aquel era un proxecto irrealizable, porque tiña unha plataforma de 16 metros que afectaba a casas, porches, escaleiras… Entón os veciños non estaban dispostos a autorizalo. Tampouco o señor Louzán estaba disposto á expropiación e e estivo durante oito anos non ríndose do goberno de Poio, senón dos veciños e veciñas do lugar", dixo Besada, quen subliñou que durante ese tempo a veciñanza "tivo que pasar pola estrada cun perigo terrible de violencia viaria".
"Agora nós estamos contentos e agradecidos ao goberno da Deputación de que este proxecto sexa realizable e se vaia a realizar", finalizou.
Relacionadas:
-
A segunda fase da reforma da estrada entre Portosanto e Campelo alcanzará os tres millóns de euros
Por Anxo Lourido |
-
A reforma da estrada de Campelo habilitará unha gran praza na zona de A Granxa
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide a Concello e Deputación que informen das obras aos veciños de Campelo
Por Oskar Viéitez |
-
O Partido Popular de Poio lembra que os carrís de Campelo deberían medir 3 metros
Por Redacción |
-
O PP pide beirarrúas e pavimentación na estrada de Campelo
Por Redacción |
-
O goberno local sopesa acudir á vía expropiatoria para poder construír as beirarrúas en Campelo
Por Oskar Viéitez |
-
A mellora da estrada entre Lourido e Campelo, "máis preto"
Por Redacción |
-
O PP cre que Campelo quedará sen beirarrúas segundo o decálogo da Deputación
Por Redacción |